Opinión

O fracaso da España borbónica, a España

Xa se pode dicir, sen esaxeración ningunha, que España como proxecto nacional volveu fracasar. Máis de dous séculos despois de ser iniciado ese proxecto non foi capaz a mudar, as bases ideolóxicas, políticas e mesmo económicas do estado actual son, en esencia, as mesmas do estado que se configurou no XIX tras a independencia das colonias americanas e coa monarquía da casa dos Borbón.

Non cabe aquí relatar como España é un estado nacido no século XIX para facer o tránsito dunha monarquía obsoleta ao que se pretendía unha nación castellana moderna, sen éxito. Recomendo “La invención de España”, de Inman Fox e “Para unha crítica do españolismo: estados e nacións” de Camilo Nogueira. As crises sucesivas da monarquía borbónica, inevitabeis pois o modelo é ineficaz e obsoleto desde o nacemento, sempre foron solucionadas co único recurso que admite ese modelo nacional, a violencia militar. Fose Espartero, Primo de Rivera ou Franco. Pois o franquismo, malia a súa radicalidade que o fai singular, non deixa de ser cousa semellante a unha rexencia como a de María Cristina.

A España actual é a realización do programa nacional que se configurou no século XIX, tanto no ideolóxico, no político e no económico. Esta España totalmente centralizada nas súas comunicacións segundo o famoso “Quilómetro 0” da Puerta del Sol que afincou alí Primo, teño entendido que alí segue, como se fose algo natural, inocente e inocuo. Centralización que hoxe atinxe a todas as comunicacións peninsulares por estrada, camiño de ferro ou aeroportos. A mesma España castellanista da “lengua de todos” e a mesma corte que vive do expolio dos territorios que ten submetidos; se antes foron as colonias americanas ou o Rif agora quédanlle os territorios con capacidade productiva e exportadora na periferia peninsular e os subsidios europeus. Non deixarei de volver recomendar o descatalogado libro “Madrid es una isla” de Óscar Pazos.

A nación española monárquica tivo unha crise histórica coa chegada da II República en 1931, crise que prolongou Franco artificialmente como rexente en beneficio propio, e, após a súa morte, tivo unha suposta nova oportunidade de configurar un proxecto nacional e un estado que se europeizase e democratizase. Pois se non ficaba claro que fracasara, todo o que ocorreu nestes últimos anos evidencia que este segue a ser o estado excluínte e autoritario, coa extrema dereita na Xudicatura, no Exército, na Policía, na administración do estado e ao servizo da oligarquía extractiva da corte madrileña. Esta España, a mesma de sempre, está fracasada. E nós, dentro.

Comentarios