sábado 16/10/21

Defende a Galega

Se houber que resumir “o problema de España” poderiamos formular varias respostas e todas certas. Que España é un problema en si mesma, un ente que existe e só pode existir pola forza das armas. Que o problema está na corte canalla que vive parasita do Estado e do espolio da riqueza dos demais. Que o problema é que naceu xa coa Trastámara Isabel cun modelo económico que non creaba riqueza senón que dependía do saqueo, do espolio aos musulmáns primeiro e inmediatamente do saqueo de América. Que, logo dos Austrias, os Borbóns saquearon sempre o Estado rodeados dunha corte reaccionaria e dun Exército que condicionou a política desde o XIX...

A España actual, esta que escolle por votación estes gobernos, malia os grandes cambios socioeconómicos e o paso do tempo, non chegou a evolucionar cara a unha sociedade máis culta e, sobre todo, cívica. Non asimilou a cultura democrática, con porcentaxes altísimas da poboación que reivindican a época de Franco e capaces a berrar o “a por ellos!” ou calar ante a represión da disidencia lexítima.

Unha sociedade que mostra ser unha poboación maioritariamente ignorante das súas propias realidades e que vive en tensión, no medo. A violencia verbal da vida pública manifesta a violencia latente e real. Unha poboación atrasada democraticamente.

E iso, nun contexto de paz, só é posíbel pola forza dos medios de comunicación. Os medios de comunicación españois, coa cabeceira centralizada en Madrid e cos brazos que chegan ás provincias madrileñas, son a garantía de que a poboación non teña información veraz e opinión libre. Son o que impediu que en todos estes anos tras a morte de Franco non se formase unha cidadanía informada e consciente.

Ese problema, os medios como armas dun poder económico e político reaccionario, preséntase aquí de modo particular. Os medios de comunicación de que dispón a sociedade galega, coas excepcións que coñecemos, está fundamentalmente enfeudada ao poder político e alimentada co diñeiro público que distribúe. E o que debera ser o espazo da vida pública, a CRTVG, non só ofrece propaganda na vez de información senón que nos encerra nunha imaxe de nós atrasada e inculta. Quen desexe vivir nun país moderno capaz a afrontar os seus retos só pode sentir frustración ante unha radio e televisión provinciana e torpe que nos reduce ao noso mínimo. A Galiza non é iso, o noso país non é así, nós non somos así. É natural que a xente nova non vexa a TVG, natural.

comentarios