Opinión

Os contos que nos contan

"A Marea" prometeu ao electorado galego un grupo parlamentar propio e os seus deputados integráronse no grupo de provincias de Unidas Podemos. Cuestionou que precisásemos expresión política propia para defenderse e para existir, foi unha victoria política sobre o nacionalismo galego. O BNG perdeu a representación e non houbo unha representación propia galega no Congreso. Esa onda de "nova política" chegada da corte pasou pola política española e galega, alterando o electorado de esquerda, sen afectar o máis mínimo o poder da dereita. Desilusións e ruínas, unha experiencia moi destrutiva.

Como foi posíbel que unha oferta política sen organización nin implantación no país, sen ideoloxía clara nin tradición conseguise suplantar o nacionalismo galego? A explicación haina que buscar na frustración social polas políticas ante a crise, e no poder do desexo e as ilusións hábilmente manipulado pola seducción desde os medios de comunicación.

Temos un centro emocional esencial, ante unha realidade que nos supera somos susceptibeis de ceder ao engado da seducción. Non hai outra explicación para que persoas sensatas caian en estafas piramidais e crean en pesos a peseta. A oferta que fixo no seu día esa candidatura foi ofrecer "ouro" a prezo de bisutería: unha esquerda alegre e sen pasado nin cargas, galeguismo non contradictorio co españolismo e aceptábel na corte, democracia verdadeiramente asemblearia e participativa que non impedían as decisións dictadas desde Madrid por teléfono, defensa de políticas sociais sen ter organización nin implantación territorial, políticos nas institucións pero descamisados, "anti establishment" presentes en todas as televisións públicas e privadas...O nacionalismo galego, a esquerda tradicional, fea, organizativa, ideolóxica, monótona cuns defectos evidentes non podía competir con esa oferta tan brillante.

Mais, aínda que a parte do electorado galego que a votou recoñeceuse estafado nas súas ilusións, non houbo a mínima autocrítica, hai que supoñer que o volverían facer?

A estratexia de Unidas Podemos, con Pablo Iglesias e algunhas persoas da súa confianza, tivo un carácter de desesperación ou frenesí, avanzou queimando terra para "alcanzar los cielos", que pasaba por, ou consistía en, entrar no Goberno. Entrar eles nun goberno sería como romper un maleficio histórico e sería en si mesmo revolucionario.

Tras a nefasta primeira lexislatura de Rajoy houbo unha oportunidade de impedirlle ter a segunda. Naquel momento Pedro Sánchez retomara o control do PSOE, porén seguía atado por un sector dereitista que lle impuxo a prohibición de recibir apoios de vascos e cataláns e de integrar a UP nun goberno. Esa arrogante e a absurda postura impedíalle a Sánchez ofrecer ministerios a UP. O obxectivo irrenunciábel de Iglesias era entrar nun goberno, así que UP decidiu non dar os votos para un goberno en solitario de Sánchez. En consecuencia, Rajoy tivo unha segunda lexislatura, con medidas desastrosas para os intereses sociais e democráticos.

A postura de UP é lexítima legalmente, mais actuou ben? As responsabilidades de uns e outros en que Rajoy gozase desa segunda oportunidade son grandes. Facer un resume das súas políticas eses anos é un balance socialmente insoportábel.

Vendo como UP sacrificou tanto a entrar no Goberno paga a pena entón facer balance agora dos resultados desa participación no goberno de Sánchez na seguinte lexislatura. É difícil facela pois a marcha inesperada de Iglesias, logo de ter teimado en entrar e ocupar unha vicepresidencia, resulta desconcertante. A saída dun posto de responsabilidade como ese di moito da falta de sensatez dese goberno, primeiramente porque Sánchez consentiu un hostigamento á familia de Iglesias e Montero que non tiña que ser e que só se pode explicar no ambiente tóxico de Madrid, no que medios de comunicación, políticos, xuíces, policías reméxense no incivismo e na cultura do odio.

E, en segundo lugar, ese abandono do seu posto é o resultado dun choque das consignas e as ilusións de poder coa realidade da xestión política nunhas circunstancias concretas. Demostrou unha total falta de madurez de Iglesias como político, que ao cabo é o que é e non ningunha outra cousa que pretenda ser.

Os resultados da xestión de UP no goberno son semellantes aos que conseguía a chamada corrente de esquerdas dentro do PSOE ou ás xestións da UGT. A súa participación nesta administración non supuxo nada substancialmente distinto ao que podía ter lexislado o propio PSOE. Finalmente nin derogaron o lexislado por Rajoy como prometeran, a reforma que fixeron da lei laboral, con gran foguetería de cores, foi saudada polos comisarios de Bruxelas, a CEOE, a FAES e o FMI. Para iso chegaba Nadia Calviño en solitario.

Iglesias, noutro exercicio de cesarismo carismático que só se dera cando Aznar designou Rajoy sucesor, designou unha amiga, Yolanda Díaz, e marchou. Dados sucesivos fracasos electorais, batendo coa realidade fóra dos platós e dos medios de comunicación, Díaz decidiu emprender unha carreira en solitario. Unha actitude peculiar, renegou dos dous partidos que a sosteñen e presentouse como unxida polo anterior líder. Ese comportamento personalista semella ser aceptado polos afiliados deses partidos que preconizaban democracia e polos simpatizantes, incapaces de reaxer.

O lanzamento dunha operación tras a sucesora de Iglesias descansa novamente sobre un liderado personalista e indiscutíbel. Novamente apela á seducción de crear un personaxe atractivo, o cabelo semella ser unha obsesión, e suxerir que un suposto magnetismo do personaxe vai abrir unha nova etapa. Máis "nova política".

Na política española o que non é franquismo é propaganda. A frivolidade e banalidade da pura seducción, non existe unha corrente democrática republicana e profunda con ideoloxía clara e con implantación social. De alí só chegou e chegará ruído e fume de cores.

Comentarios