Opinión

Con "acento cerrado"

Temos ouvido moitas veces dicir a alguén doutro alguén “tiene un acento muy cerrado” ou “hablaba en gallego cerrado”. Porque seique hai “castellano abierto”.

Pois eu acabo de ouvir na televisión unha ministra portavoz do Goberno que veu de visita desde Madrid e tiven que parar orellas e abrir ouvidos porque de primeiras non entendía o que estaba a dicir e pensei “que lle poñan subtítulos”, porque falaba moi “cerrado”. Procurei na Rede de onde viña aquel “acento” tan marcado, e vin que era de Sevilla. E debo dicir que, aínda que non estaba de acordo con cousas que dixo e mesmo creo que non dixo verdade nalgunha cousa importante, daba alegría ouvila falar con tanta rapidez e desembarazo. Era unha muller alegre e autoafirmativa a que estaba a falar sen lle pedir permiso a ninguén. E así debe de ser.

Mais tamén establecín relación cun premio que institúe este mesmo Goberno para teses de doutoramento sobre a violencia contra as mulleres e que exclúe a lingua galega. Premia que se denuncie a violencia de xénero exercendo violencia contra outras linguas que non son a súa. Por non termos un Estado propio, a lingua galega é unha lingua sen Estado. Aínda máis, é unha lingua que padece a opresión maior ou menor dependendo dos momentos deste Estado. Pero eu hoxe non quero falar de linguas, senón de alegría.

Do noxo que nos pon ouvir ese indigno presidente na Xunta, “no es que me apetezca falar el galego pero es que te me veo obligado porque te estamos en campaña electoral”. E da alegría de falarmos nós a nosa lingua con afouteza, con sotaque, con “acento”, con “moito acento”, cun monte de “acento”, con “acento” a esgalla, a eito, para dar e repartir. Como fai esa ministra que non ten vergoña nin complexo e vén aquí, seguramente por primeira vez na súa vida, e séntese na casa. Deberiamos nós facer así tamén cando fósemos dar un mitin a Madrid ou Sevilla, poño por caso. Mais eu hoxe non quero falar de linguas, senón de alegría.

E debemos alegrarnos de que veñan ministros que nunca estiveron aquí nin saben de nós e que así e todo compórtanse como na casa porque hai o que hai, e con eses bois hai que arar que non hai outros. Precisamos que os partidos deste Estado envíen desde Madrid os seus xefes para que lle disputen o voto a Feijóo. O galeguismo arestora non pode aspirar exercer a soberanía desde as institucións existentes porque padecemos un mal maior e aspiramos a un mal menor ou un regular ou un ben menor. Arestora.

Comentarios