Opinión

Cinismo ou nihilismo

Opinión

Cinismo ou nihilismo

O historiador hispanista Paul Preston dixo hai uns días que os españois eran cínicos, dese modo explicaba o comportamento da sociedade española, afogada na corrupción. E será certo?

Hai uns anos reinaba na corte madrileña unha condescendencia hacia a república italiana, era unha especie de desastre simpático. Había corrupción, o estado enteiro estaba corrupto e cada ano caía un goberno e había que facer eleccións, etc. Hoxe a ver quen pode rir de Italia, alí está Berlusconi e aquí Rajoy, ¿medimos quen é máis corrupto e instrumento de corrupción? Berlusconi é igual de inmoral que Rajoy, mais tan sequera é máis simpático. Xa é un punto a favor.

Aquela España dos oitenta de Felipe González empezaba xa a entregar pedazos de estado a mans de particulares e canto á moral social todo se resumía na súa consigna, “gato branco ou gato negro o que importa é que cace ratos”. E así con todo, mais viñan cartos de Europa e todo era riso e movida e hihihi. Foi unha época na que arrastrabamos unha resaca emocional do franquismo puro e non advertiamos que estabamos afectados.

Viñan cartos de Europa e todo era riso e movida e hihihi

 

Esta época final de época, a de Rajoy, é a da inmoralidade pura e unha mestura de nihilismo e cinismo na sociedade. Hai cinismo na corte de parásitos que se lucran do estado, nos amos do estado e que devoran a creatividade social e a riqueza que crea a sociedade, mais neses amplos sectores sociais que votan aos seus amos, que os sangran, o que hai é o embrutecemento dunha poboación traballada duramente por xeracións de medo e de incivilidade. Unha poboación vencida e sen forzas.

Se esa poboación que acepta e sostén a gobernos de narcotraficantes e corruptos fose cínica merecería reprobación, mais non o é e merece comprensión e unha miga de compaixón. Non é imposíbel que un día teñan un xesto de dignidade e se rebelen contra quen abusa dela.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios