Opinión

BNG porque

Votarei BNG porque entendo que hai que votar ás candidaturas que poden e deben pactar un goberno da Xunta que faga políticas moi distintas e aínda contrarias ás que practica o PP de Rajoy e de Feijóo. E porque desexo que esas candidaturas teñan os votos precisos, ben sei que ningunha desas candidaturas vai ter unha maioría suficiente para gobernar e que o cambio político precisa de varios pés. Desexo que todas teñan os votos e deputados que se precisan en cada provincia.

Valoro as cualidades do candidato do PSOE para Galiza, non podo referirme ao PsdG porque a organización autonómica hai moito tempo que abdicou de ser unha organización con personalidade autónoma. Leiceaga é un político competente e comprometido co país, aínda que un non poda concordar coa súa interpretación sobre a orixe deses problemas non hai dúbida de que ten un coñecemento concreto e atento da situación da cada sector económico. Sen dúbida é un bo candidato e, sendo el presidente da Xunta, como cidadán deste país non tería a incomodidade e vergoña que agora teño. Cando alguén que se declara votante do PSOE dime que ten dúbidas en ir votar eu dígolle, “vai, vota e anima a outras persoas a facelo. Ese é o teu deber. Non me sexas repunante e me veñas despois laiándote de que gañou a dereita.”

Leiceaga é un político competente e comprometido co país

Valoro o interese social que ten a candidatura “En marea” e comprendo e recoñezo o esforzo político que supuxo o pulso que os sectores galeguistas da candidatura, nomeadamente os seus tres alcaldes, lle puxeron á direción madrileña de “En común Podemos”, concretamente ao grupo da Complutense que dirixe Podemos. Se querían ter posibilidades dun bo resultado nas elecións galegas non podía ser que se repetise o das lexislativas e que os deputados que dicían representar a Galiza como país se subsumisen na mestura dun único grupo parlamentario dirixido por Iglesias, só formar unha candidatura que se declara distinta e soberana galega lle pode dar un bo resultado.

Ese pulso ten unha dimensión política indudábel e merece respecto e atención no futuro. Agora que tamén mostra unha profunda división política e ideolóxica e, aínda que o sector galeguista conseguiu esa victoria política e impor un candidato cun discurso de país, a reacción inmediata da cúpula madrileña dando un repique de sinos e chamando aos afiliados a votar masivamente para impor aos seus candidatos nas listas, cousa que conseguiron, demostra que as forzas están moi equilibradas aí dentro. E que o “núcleo irradiador” madrileño segue a mandar moito e a controlar as estructuras internas, tendo baixo control ao que considera aliados "laterais".

Recoñezo o esforzo político que supuxo o pulso que os sectores galeguistas de En Marea, nomeadamente os seus tres alcaldes, lle puxeron á direción madrileña de “En común Podemos”

De todos xeitos, tanto Podemos como os grupos que forman “En marea” naceron para expresar un descontento social non só coas políticas de recortes sociais senón tamén cos partidos existentes anteriormente, é unha candidatura que debe recoller unha disconformidade e un desexo de cambio que aínda existe e debe ter un bo resultado para que se dea o cambio. Por iso é que cando alguén ve que esa realidade non é como a que imaxinaba, eu dígolle, “vai, vota e anima a outras persoas a facelo. Ese é o teu deber. Non me sexas repunante e me veñas despois laiándote de que gañou a dereita centralista.”

Desexo votos e deputados para esas candidaturas porque un cambio na Xunta é urxente e non facer por que se dea paréceme que é culpábel. Así e todo eu votarei o BNG. Non por entusiasmo partidario nin porque estea de acordo con todas as súas análises da sociedade e do noso tempo tampouco, fareino porque é a única candidatura que vexo que é imprescindíbel. As demais son necesarias.

A do BNG é a única candidatura que vexo que é imprescindíbel. As demais son necesarias

É ben triste que non haxa no parlamento español expresión política soberana da nación galega, que non a houber no propio parlamento galego sería a desesperación. O BNG é a única organización, con posibilidades de ter parlamentario, que defende a Galiza como nación soberana, que custiona o mapa do poder madrileño, que pensa ao meu país en por si, que enfronta as políticas da dependencia da metrópole da corte. Non penso que o BNG vaia ser unha fin de camiño ideolóxica, política e organizativa, este país clama por unha organización nacional galega que inclúa a moita xente.

Mais se a Galiza existe será porque ten poder político, organizacións políticas propias, o demais son os esquemas do poder existente, consolidar o dominio desde a capital deste estado. A falar claro, os nosos intereses baten e son contrarios aos intereses madrileños, o seu poder e a acumulación de riqueza basease na nosa dependencia e no noso expolio. Por iso votarei BNG e dígolle a quen quere votar un partido galego que, se vai de veras, esa papeleta non só é útil para defender a nación dos galegos e galegas, tamén é a imprescindíbel. Sen iso, o parlamento galego sería unha deputación provincial.

Comentarios