Opinión

Ana

Ninguén sabe o resultado destas eleccións, o que si sabemos é que a esperanza que haxa nestas eleccións, neste tempo, ten nome de muller e mais é un palíndromo que se pode ler de esquerda a dereita e de dereita á esquerda, unha esperanza transversal, Ana.

Pontón non é unha megalíder mediática, telemática ou carismática que nos pide que aceptemos que a sigamos e que fagamos caso do que ela di. Non o é. Realmente o que nos pide é que fagamos caso do que sabemos: que os galegos e galegas polo feito de selo somos cidadáns de terceira baixo este Estado e que precisamos poder propio para defendérmonos dun sistema que nos despreza, nos afoga e espolia. Insiste en que nos atrevamos a actuar conforme o que sabemos e a sermos nós propios.

Pontón non é unha candidatura personalista, é un cadro nacido e formado dentro dunha organización veterana, un membro dunha xeración que encarna un novo momento de madurez do republicanismo galego, do galeguismo. A corrente histórica que vén da intelixencia de Sarmiento e da rebeldía dos revolucionarios de 1846, que nega que esteamos condenados a ser emigrantes ou servos no noso propio país e afirma que Galiza é posíbel, o orgullo é o camiño e todo depende de nós e só de nós. E todos e todas estamos a ver que esa Ana faino con convicción e capacidade.

Cun pouco de asombro contemplamos que quen desafía sen medo, con afouteza e con toda naturalidade a todos os poderes que manteñen e se agochan detrás de Feijóo é unha muller nova. Nestas eleccións é evidente que o desafío ao PP leva un breve nome de muller, Ana.

Seguramente o estado de conciencia e de ánimo que nos deixou o confinamento pola pandemia, que aínda nos ronda e axexa e xa reapareceu, fai que sintamos máis que outras veces o afogo do dominio dese poder que nos esmaga suavemente e que representa Feijóo, hai un punto de desesperación no ambiente como se estivese a punto de rebentar todo. O que está a facer agora Feijóo, ocultar a situación na Mariña, fainos lembrar a gran mentira do seu partido cando quixeron enganar sobre a autoría do atentado nos trens en Madrid ou a realidade do chapapote. A mentira na Mariña é o chapapote de Feijóo. Coa complicidade ou anuencia dos poderes do Estado e os partidos madrileños para quen somos unha peza no taboleiro. Como dixo hai uns días o tal Monedero, somos “territorio” deles.

Ou desesperación ou esperanza. Atreverse a imaxinar unha presidenta na Xunta, unha presidenta da Galiza. E facer como ela, confiar no propio xuízo, confiar en nós. E non ter medo.

Comentarios