Opinión

Un calendario escolar sen exames en setembro: miramos o dedo ou a lúa?

Se facemos caso do vello proverbio chinés sería cousa de persoas necias mirar o dedo cando o sabio apunta con el á lúa, aínda que tamén hai que di que, desconfiadamente, hai que mirar o dedo, evitando ser vítimas de trampulleiros.

O debate, sen vasos comunicantes, que se estabeleceu nestas últimas semanas verbo da reforma que vai implantar a Consellaría ao respecto do cambio das probas extraordinarias de setembro ao mes de xuño na ESO, a FPB e o Bacharelato, ten todos os ingredientes para facernos dubidar de cara onde mirar e case todas as certezas para afirmar que conseguiron centrar a atención no superficial.

Na Mesa Sectorial Docente na que Educación debateu o calendario escolar houbo quen procuramos mirar cara a lúa do que implicaba o cambio sen perder de vista o dedo. O dedo non é nin máis nin menos que un cambio de datas que non veu acompañado dun estudo serio e rigoroso sobre os posíbeis efectos e que, se non se une a cambios de fondo na concepción do proceso de ensino-aprendizaxe, do papel da avaliación continua, da necesidade de reforzar a coordinación pedagóxica ou do traballo en equipo do profesorado non servirá para nada. A lúa é o futuro dun modelo educativo que pode camiñar como até agora baixo o dirixismo gobernamental, no curricular e lexislativo, e a desidia, no orzamentario e na organización educativa.

Galiza, como acontece no conxunto do Estado, está á cabeza dos países europeos en taxas de alumnado repetidor e os últimos informes feitos públicos polo Ministerio, coa primeira promoción da ESO escolarizada coa LOMCE na súa integridade, reforzan unha posición da que todos os gobernos se laian mais que nada ou pouco fan por remediar. A cuestión é se quen defendemos a superación da repetición con cifras tan elevadas e consideramos urxente un incremento dos orzamentos educativos para ofrecer unha alternativa real ao alumnado que promociona con necesidades de reforzo e unha atención especial, nolo cremos de verdade ou non.

Eliminar os exames de setembro, o que é o común en Europa e na maior parte das comunidades autónomas, pode ser unha boa medida se a idea vai da man dun cambio real que considere a repetición como algo extraordinario de verdade e que incremente os reforzos educativos, a atención e o acompañamento do alumnado con necesidades de reforzo ao longo de todo o curso escolar. Miremos a lúa cunha ollada ampla e alén do que nos pretende facer ver a Consellaría: vai dispor o profesorado de máis tempo para trazar, en común, estratexias e pautas de actuación e vai reducirse o horario lectivo para reforzar formación e coordinación didáctica? Van ser as ratios o elemento de debate central na política educativa a seguir no futuro inmediato? Vai reforzarse a atención ás necesidades específicas de apoio desde a titoría á actuación máis especializada con máis profesionais e unha mellor formación xeral? 

Se a Consellaría non introduce cambios que camiñen nesa dirección (e o mellor exemplo pode atopalo nas aulas que neste curso se desdobraron e nas que se puido traballar na ESO e no Bacharelato con ratios de 15 ou 20 alumnas/os por aula) o debate limitarase ao que está sendo: se a medida beneficia ou prexudica a un alumnado trazado con brocha gorda, con recursos económicos para pagar clases particulares no verán, residente en zonas urbanas ou vilegas onde existe tal oferta e se o novo calendario é máis ou menos compatíbel coas limitacións laborais familiares, como se a escola fose un complemento da lexislación laboral para axudar na conciliación. 

Persigamos a lúa: unha educación pública de calidade, con máis docentes e mellores ratios, cunha desacralización das probas como único elemento avaliador e o conseguinte reforzo de equipos docentes e da avaliación continua. E si, non esquezamos o dedo: fixar cambios unilateralmente e buscando o confronto e a división entre quen defendemos, desde posicións diferentes mais cun mesmo obxectivo común, a mesma lúa. 

Comentarios