Opinión

Vota por min

Outra vez máis vou quedar para cocer o carolo. Para sermos claros: co voto sen entregar. Desde hai unha semana teño (hai unha semana déronme) a nacionalidade que me habilita para votar. Pero non chegou a tempo.
Será que nacín nun país onde me inculcaron (imbuíron) que votar era exercer un dereito inalienable; será que son das que cre que as cousas se fan desde dentro e coa miña propia voz… O certo é que devezo (adoezo, morro) por votar... e non vou poder.
Por iso atrévome a pregarvos (pedirvos) que este domingo votedes.
Polos que non podemos; pola muller que son e arelo seguir celebrando ser; pola inmigrante enamorada desta terra que son e quero seguir sendo.
Votade para que esta Galicia nosa teña voz e conte. Para que ninguén teña medo de andar pola rúa de noite, ou a espertar sen traballo. Polos que arriscan a vida por salvar a nosa.
Por ese patrimonio que nos identifica.
Polas nenas e os nenos, para que teñan un futuro que non sexa virtual.
Polos vellos que son e que seremos, para que a soidade non supoña unha lousa e a súa (nosa) morte sexa todo o digna que merece.
Para que a lingua baile no idioma que herdastes e que te representa.
Pola auga, os bosques e os animais.
Polo ceo e pola terra.
Polas mans baleiras.

De camiño ao lugar de votación pensade que eu e outros coma min van canda vós (van ao voso carón).
E, caso non tiverdes ilusión, pedídeme. Teño para regalar. Porque non é certo que isto non o cambia ninguén. Cámbiase, se queremos, entre todos e todas.
Por iso me atrevo a pedir: o domingo vota por min, ti que podes!

Comentarios