Opinión

Vade retro...

Actuei un par de veces nun teatro que tamén facía ás veces de cine, algo moi normal nas vilas pequenas. O que daba que pensar era que a programación do cine e mais a chave do edificio estaban en mans do cura. 

Despois de a técnica de cultura me explicar todo amablemente e me deixar instalada nos camaríns que había detrás do escenario, dispúxenme a maquillarme e a vestirme. 

De toda a vida para poñer unha roupa hai que quitar outra; así que, pese ao frío do lugar, espinme de todo. Mentres andaba rifando coa funda do meu traxe unha porta na parede do fondo abriuse de maneira intempestiva  e, como nas mellores películas do franquismo, entrou un crego de negra sotana. Miramos o un para o outro en silencio, eu en coiros e el vestido; eu esperando unha explicación e el mirando sen pudor. Bo foi que non tardou en liscar... 

Probando luces, comenteino cos traballadores de sala, que encarnados comentaron que o cura estaba máis que avisado da miña chegada e que, polo tanto, non debía de ter usado a porta que comunicaba coa súa casa. 

A función gustou moito e, de volta xa para cambiarme, co subidón de adrenalina do cariño do público, estaba eu outra vez en pelota picada, cando oh casualidade! volveuse abrir a porta… e alí estaba el novamente, que “pensaba que cinco minutos despois de acabada a obra, eu xa tería marchado”. 

Desde aquela, cando na miña estancia  hai máis dunha porta tráncoas todas coas cadeiras e prefiro maquillarme de pé. Que en pelotas só me ten que mirar quen eu queira.

Comentarios