Opinión

Os límites do real

Tal día coma hoxe, nun día frío de inverno, o soño repíteselle. Dunha opresiva negritude levántanse unha tebra clara. Trala néboa, unha luz. Trala luz, unha ringleira de xente que salaia e anda mirando á fronte.

Preside a comitiva un neno cun rosario na man. Séguelle un féretro de madeira vernizada, portado por catro homes novos vestidos con roupas de domingo. Sete curas, cinco diante e dous detrás. Tres mulleres vestidas de loito choran e berran loando o defunto.

Por tras a familia. A maior xa non é nova. Diante as mulleres, detrás os maridos. O pobo avanza nunha fila de a tres. Hai quen mantén a vista fixa sen dicir palabra, outros míranse entre eles. Algúns falan.

A miúdo din dos galegos que somos dubitativos, pensativos, desconfiados. E se simplemente contemplamos máis variables que outra persoa?

O camiño é coñecido. Na liña do horizonte ponse o sol sobre a igrexa. Agora que ve a campá, sente as badaladas. Volve a vista sobre a comitiva pois algunhas caras fánselle coñecidas, pero dende o balcón da casa nova non as distingue ben.

O toque de agonía anúncialle á parroquia o pasamento dun fiel. A campá principal toca nove veces seguidas. Trala ínfima pausa, tres toques. É un home. Cando chegan á porta do cemiterio: esperta. Case sempre esperta sen saber quen é. En sete días volverá a vivir esta mesma escena mais, desta volta, todo será... "real"?

É mineiro. Era, a dicir verdade. Non hai moito que mora na contorna, por iso non distingue as caras. El e a familia decidíronse a cambiar de aires para ver si melloraba. Por anos traballou na mina e agora, por mor da silicose, sente moita falta de vida. É un home calado. Serio. Largo coma un día sen pan. Non ten un quilo de mais.

Cando volve en si ve a muller: suspira. Baixiña, pouca cousa... Ela é a que o sostén a el. Goberna a casa con man de ferro e corazón bondadoso. Sempre sabe cando está a acontecer, e non deixa que os pequenos se lle acheguen. Tamén eles saben que poden ver o que ve seu pai se lle pisan o pe dereito. Naquela sociedade, igual que nesta, a "normalidade " é a regra.

Fóra barruza e dentro unha lareira de pedra ennegrecida quenta a estancia tralo tardío xantar. Saben doutros casos, mais ninguén fala. Son outros aos que tamén unxiron co incenso dos mortos cando tiñan que ter empregado o de vivos. Agora, ven as ánimas marchar no derradeiro camiño.

— Quen é?

— Non sei. Non é da casa. Leva cinco curas e tres carpideiras. Xa o saberemos.

Así remata a parte que eu sei. Unha vivencia ouvida de pequena que me fai reflexionar sobre o concepto do "real". Todo o que percibimos polos sentidos é real? Se o empírico é o límite do real, entón esta acción que se describe aconteceu dúas veces para este home.

Que relación existe entre "real " e "verdadeiro"? Hai unha realidade obxectiva? A miúdo din dos galegos que somos dubitativos, pensativos, desconfiados. E se simplemente contemplamos máis variables que outra persoa?

Hoxe, imponse nos medios —na opinión pública— unha concepción única, racionalizada, de realidade. Coma no método científico, compílase, prepárase e avalíase a información para ter unha opinión categórica sobre un tema.

Na filosofía clásica a realidade, ou Ens Realissimum, concibíase como unha relación entre esencia e existencia. Onde a primeira implicaba a segunda. Por iso era posíbel Deus e o home. Na idade moderna, tómase como punto de partida a conciencia, e o coñecemento queda condicionado pola experiencia: o mundo entendido como a experiencia do posíbel.

Coma no método científico, compílase, prepárase e avalíase a información para ter unha opinión categórica sobre un tema

Pero de novo, a noción de experiencia non resultaba sempre clara. É difícil distinguir entre a realidade dada e a realidade posta como categoría de real. No positivismo lóxico, só é real aquilo que existe e se pode cuantificar. Mais atopamos dificultades para individualizar os elementos últimos constitutivos da materia.

Xorde así a distinción entre "realidade" e o "real": onde a miña historia atopa acubillo. Así a realidade é aquilo que percibe o ser humano e o real aquilo que acontece, independentemente de ser percibido ou non por este.

Cando o ser humano descobre un elemento, ese elemento xa formaba parte do real antes que os sentidos humanos o detectasen e estudasen. Así entendo eu os fenómenos que outros senten e eu non son capaz de percibir.

Comentarios