Opinión

Leningrado

Dentro de todo o que significaba para o nazismo a destrución da alma soviética, Leningrado era o corazón. A terra de Lenin, a cidade de Pedro, o berce da revolución, do bocheviquismo, do esplendor ruso. Ese simbolismo colocábaa no punto de mira malia non ser, obxectivamente, un enclave estratéxico no avance do exército xermano.

Alemaña daba orde, o 8 de setembro de 1941, de arrodear e sitiar Leningrado para deixala morrer de fame: non hai un plan para os superviventes porque non se agarda que sobreviva ninguén. Rachadas as liñas de abastecemento, só se precisaba agardar ás portas da cidade a que todo home, muller e neno caera esfameado. A soa idea, estremece. Mais a estratexia era clara: a morte por inanición.

O cerco a Leningrado vai durar 900 días. As reservas de comida, concentradas nun único enclave, son bombardeadas nos primeiros días de asedio. Un tren que evacuaba meniños, dinamitado polas forzas inimigas. O exército alemán logra, limitar primeiro e cortar despois, o abastecemento da electricidade e a calefacción á poboación civil. No inverno de 1942 os mortos xa se contaban por millares e os finados non se enterraban en féretros, a madeira precisábase para salvar aos vivos dos días de frío.

Cercada Leningrado, coas divisións apostadas nas entradas da urbe, ouvea a fame e a desesperación na cidade de Fiódor Dostoyevski e de Alexander Pushkin. Tres millóns de persoas van vivir un nivel tal de desesperación e ignominia, que os levará a coñecer o canibalismo e a violencia extrema. Os hospitais tratan a inanición, a desnutrición, o frío.

Mais a batalla máis larga e angustiosa da Fronte Oriental durante a Segunda Guerra Mundial, vira. Vira como vira tantas veces a vida cando os folgos faltan e se descorre o velo do abismo. Ao cabo, porque existen estes cambios de guión, ten o Ser Humano arela e esperanza.

Algo así vai suceder na cidade de Pedro o Grande. Algo vai evitar que se desintegre e simplemente morra de fame. Ese algo é a Cultura. O coñecemento, a arte, os oficios, os ideais, a moral. A xente comeza a pensar que o último que morre é a alma. O último que para, o cerebro.

Sobre un ceo cerrado de pólvora, con fame, cortes de subministro e bombardeos diarios, os pintores comezan a pintar de novo. Os poetas recitan os seus poemas nas rúas e na radio. Anúncianse concertos nos teatros. Reabren as bibliotecas. As mulleres no Hermitage seguen dando explicación das fastosas coleccións. Os científicos protexen as súas descubertas, precisamente, en aras dun futuro que agardan poder ver. Mantéñense as rúas limpas para que o refugallo non os inunde. Entenden, ao cabo, que poden escoller como falecer.

O sentido de pertenza —e a Cultura propia como máximo expoñente desa unidade como pobo— é o que arreda ao Ser Humano da total degradación. Nos días máis escuros, Dmitri Shostakóvich compón a Sinfonía nº7: "Leningrado". Demostrándolle ao mundo, e a si mesmos, a valentía dos cidadáns asediados en Leningrado que, nas condicións máis extremas, manteñen a alma serena.

A obra foi interpretada o 9 de agosto de 1942, cando se sabía que os alemáns atacarían posicións soviéticas. Os rexistros contan que non houbo mais ensaios que un: "Srabian, falecido. Petrov, enfermo. Borishev, morto". Cando o mestre Karl Eliasberg chamou aos músicos só apareceron quince. Mais ese 9 de agosto un pobo esfameado e minguado desafiaba o poder do Terceiro Reich. Cando os alemáns se lanzaron ao asalto, contra as posicións rusas, comezaron a escoitar a melodía.

A Orquestra da Radio de Leningrado, cuxas notas amplificadas se escoitaban en toda a cidade e nas trincheiras do inimigo, resucitou a moral dos combatentes que, non só salvaron a cidade de caer en mans alleas senón que firmaron a primeira gran derrota das potencias do Eixe. Os cidadáns de Leningrado aínda non sabían que salvándose a si mesmos salvaban a Humanidade.

O Ser Humano, capaz do mellor e do peor, encontra na Cultura, na Arte, na Ciencia, no Coñecemento, o sentido a vida. A fina liña que nos separa da animalidade fica por veces esvaecida. Leningrado somos todos. A historia de cada pobo é o pouso da Gaia.

Comentarios