Opinión

Os estoicos non existen

Da filosofía naturalista dos estoicos derívase a regra fundamental do home prudente

Zenón, o home que tivo unha viaxe moi próspera grazas a sufrir un naufraxio, foi o fundador do estoicismo arredor do ano 300 a.C. O filósofo heleno, de orixe fenicia, naceu nunha familia de comerciantes. Dos viaxes do pai a Atenas provén o seu prematuro interese pola filosofía.

Conta a tradición que Zenón —de Citio, actual Chipre— perdeu toda a súa fortuna cando naufragou no Porto de Pireo cargado de púrpura fenicia. O Porto do Pireo sitúase a 10 quilómetros ao suroeste de Atenas. Aínda hoxe é o maior porto marítimo de Grecia e un lugar estratéxico pola súa proximidade ao mar Exeo. Un cruce de vieiros entre Europa, África e Asia.

No primeiro milenio a.C os fenicios configuraron un imperio comercial arredor da púrpura. Unha tinta de cor vermella-violácea, símbolo de reis e emperadores, que deu nome ao propio pobo fenicio en grego: phoínix.

Á ideade de vinte e dous anos, logo de perder a súa valiosa mercancía e case a propia vida, Zenón logrou chega a Atenas e resolveu, aceptando a súa sorte, que quedaría alí para encamiñarse na senda da reflexión filosófica e do coñecemento transcendental.

O deber moral, o autocontrol, e a vida en harmonía coa natureza, foron os principios da ética de Zenón de Citio. Un enfoque práctico que lle valeu múltiples seguidores, de todos os estratos sociais. Dende Epicteto, que viviu parte da súa vida como escravo de Roma; a Marco Aurelio, emperador do Imperio romano entre os anos 161-180 d.C.
O estoicismo converteuse nunha filosofía moi popular por ofrecer resposta a todo tipo de problemas. O home sabio preocúpase pola intención da súa acción e non polo resultado. Séneca explícanos así que a acción inicial é a que está baixo o noso control. A Fortuna determina o resultado.

Cunha perspectiva más clara a nosa resposta será máis acertada, pensan os estoicos. Así, o mundo está suxeito á necesidade. A noción dos clásicos sobre o fado adquire aquí o carácter de conexión causal. Da filosofía naturalista dos estoicos derívase a regra fundamental do home prudente, aquel que vive conforme á razón. O ser humano, ao someterse á razón, desembarázase das paixóns e do xugo das cousas exteriores para acadar a impasibilidade ou apathéia.

Para os discípulos de Zenón as paixóns son sentimentos negativos que nos turban a razón impedindo chegar a ataraxia, un estado de tranquilidade, serenidade e ecuanimidade que nos aporta sabedoría á hora de decidir e entender os acontecementos da vida.

Mais os estoicos non existen. Por lóxica que pareza a súa filosofía —fácil de entender e asumir— o verdadeiro estoico non é real, é simplemente un ideal, un estándar contra o que medirse. Pode que descoñecer a natureza caótica do sistema, en contraposición a unha natureza harmónica; as emocións humanas como inherentes á propia vida, retando a capacidade de autocontrol do Ser; e/ou a ausencia dun patrón correcto de vida, que facilitase seguir a senda dun deber moral preestablecido, sexa o que leva a populistas e todólogos ao desatino de opinar dende unha posición tecnocrática da moral e a razón.

Lía, hai uns días, que a filosofía de Cleantes e Séneca vive un resurxir dende a pandemia. Este neoestoicismo é fonte de inspiración para os que consideran que na nosa man está o ser feliz —independentemente das circunstancias—, que todos podemos chegar a onde queiramos —independentemente do lugar de partida—, que ter éxito é posíbel —outra palabra complexa, fonte de frustración—, e que ser, en fin, un excelso cidadán do mundo depende unicamente da razón individual. 

O estoicismo é a incomparecencia. A frustración. O medio muda e é hostil. As paixóns forman parte do raciocinio, axúdannos a decidir o que non queremos. Non hai unha única forma de vivir, nin un camiño estándar que seguir.

Porque os estoicos non existen, neste ano electoral que nos agarda, non creamos en fórmulas máxicas nin en razoamentos sinxelos. A realidade é poliédrica, complexa, e non hai unha única forma correcta de abordala.

Nunha cousa si concordo con Epicteto: non agardes que os eventos acontezan como desexas, desexa que acontezan como son e a túa vida decorrerá sen problemas.

Comentarios