Opinión

Eu votei #SíSí

Normalidade. A cidadanía catalá saíu ao longo do 9N a votar con total serenidade grazas ao esforzo de todas as voluntarias que facilitaron que esta xornada fora democraticamente participativa.

Normalidade. A cidadanía catalá saíu ao longo do 9N a votar con total serenidade grazas ao esforzo de todas as voluntarias que facilitaron que esta xornada fora democraticamente participativa. Cando eran ás 13h achegueime ao meu colexio electoral para depositar a miña papeleta coma galego en Catalunya que son. Malia que non había tantos puntos de votación coma noutros comicios, non houbo problemas para que cadaquén puidera expresar a súa opinión. E é que semella que a cúpula do Estado non entende que a independencia non se impón, senón que os pobos teñen o dereito a decidir o camiño que queren seguir. Quen quixo marcar o casiña do “non” tivo tamén oportunidade de facelo e o seu voto contou coma os que tiñan dobre resposta afirmativa. En cambio, o aparato do Estado si quixo impor que a cidadanía non puidera exercer o dereito ao voto. O democrático para o PP era precisamente que non se celebrara ningún referendo nin consulta nin  proceso participativo.

Malia que o meu punto de votación estaba no alto dun barrio cos seus carreiros ben empinados, non faltaron á cita milleiros de persoas de todas as xeracións. Baixo un orballo outonal a fileira de cidadás e cidadáns dispostos a expresar a súa vontade daba a volta a propia mazá onde se atopaba o punto de votación. Houbo que agardar unha ducia de minutos para poder entrar dado o éxito de participación. Sucedíanse as apertas, os sorrisos, os nervios e incluso as bágoas contidas daquelas persoas que tanto desexaron que chegara este día. Detrás tiña un home de arredor de 80 anos acompañado polo que se cadra era o seu neto, de entre 20 e 30. A emoción embargaba en maior medida a aquelas persoas que sufriron as etapas recentes máis negras da historia. Na memoria de moitas estará o seu president elixido democraticamente e vilmente asasinado polos fascistas, Lluís Companys, así coma todas aquelas persoas que tamén perderon a vida por simplemente defender no seu momento que un día chegase unha xornada coma esta. Na fileira coméntase que a esta hora xa se superou de longo o millón de votos.

Perante as urnas, a meirande parte das presentes aproveitaban para se fotografar despois de tal momento histórico

Todas as voluntarias estaban listas nos diferentes puntos para que a organización fora impecábel: facendo respectar as quendas, indicando as entradas, as saídas e cada urna contando con tres voluntarios.

Perante as urnas, a meirande parte das presentes aproveitaban para se fotografar despois de tal momento histórico, coma non puiden evitar facer eu mesmo pensando en que algún día –malia o escepticismo dalgúns–, Galiza tamén terá a oportunidade de expresar cal quere que sexa o seu futuro. Nais e cativas introducían a papeleta colleita polas súas mans se cadra imaxinando que cando a pequerrecha tiveran que votar pola súa banda xa o faría nun Estado propio.

Unha vez coñezamos os resultados, o Govern de la Generalitat terá perante si a responsabilidade de facer cumprir a vontade democrática do seu pobo. As chatas antidemocráticas que se procuran colocar desde Madrid son intentos frustrados que non van conseguir que Catalunya escriba unha nova páxina da súa historia coma teñen dereito todos os pobos do mundo. A cidadanía catalá é consciente que non paga a pena gastar máis enerxía en facer entrar en razón a quen por todas as vías posíbeis quere impor a vontade ao seu pobo. É momento para a coraxe e a vontade política das forzas soberanistas de Catalunya para chegar á meta que lle marquemos os cidadáns deste país, coa lexitimidade democrática que non precisa de vistos e praces por parte de aqueles que non quixeron nin quererán endexamais trocar o status quo deste recuncho de Europa. Votar onte, hoxe e mañá seguirá sendo normal.

Foto: o autor do artigo, no momento de emitir o seu voto.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios