Opinión

The Square: un santuario extenso e intenso

A estrutura das crenzas é tan forte que permite que algúns tipos de violencia se xustifiquen ou nen sequer sexan consideradas como violencia


 

Judith Butler

Malia todas as críticas que se lle fixeron a The square (Ruben Östlund, 2017), hai algo nesta fita que atrapa e pode envolvernos. O seu desexo de ridiculizar o narcisismo imperante no mundo da arte, coa crítica á dobre moral das clases acomodadas, sempre en contraposición coas persoas atrapadas pola crise económica, vítimas do capitalismo, conseguirá arrincar risos ao público cos seus gags e isto ben vale certa consideración. É verdade que se fai algo longa, que lle pode sobrar media hora de metraxe e que deixa certos aspectos inconclusos, pero a proposta segue a ser, a pesar disto, ben suxerente como para pagar unha entrada e vela. Esta cousa de amosar a “babecada” que aplaude certas propostas artísticas de calidade talvez cuestionábel, do mesmo xeito que o medo a expresar abertamente que lle parecen mediocres, malia pensalo, e a vontade de incidir na idea de que é falsa a preocupación da arte pola xustiza social, poden ser lugares comúns, e, neste sentido, diminuír o carácter provocador que o filme pretende. É certo. Tamén é evidente que foi “cortada” con présa -en principio duraba tres horas- para poder entrar en concurso no Festival de Cannes, quedando, finalmente, reducida a 144 minutos dos que, volvo insistir, poden sobrar trinta. Todo iso é certo, pero, aínda así, este traballo de Ostlund merece atención. Digamos que hai nel escenas impactantes que conseguen o efecto buscado: poñer enriba da mesa a nosa estupidez. Conségueo colocando o protagonista en situacións estrañas coma a da escena inicial, na que dun xeito sorprendente lle rouban a carteira, o móbil, e, en principio, os seus xemelgos. A partir do momento no que Christian -o protagonista- descobre que lle quitaron eses obxectos comeza a argallar, coa axuda do seu subordinado, unha “acción” certamente curiosa para os recuperar, que o levará por un sendeiro inquietante, sempre en descenso, ata chegar directamente á orixe: o lixo. Neste sentido é ben suxerente ese plano cenital no que vemos a este homo-erectus tan elegante, tan sofisticado, en estado de desesperación, fochicando no medio da porcallada excedente, esoutra cara oculta pero facilmente intuíbel da clase acomodada, para atopar algo. Talvez un papel co enderezo do rapaz que o perseguía por unha das cartas que deixou no buzón dese edificio dun barrio marxinal co obxectivo de reclamar as súas pertenzas con ameaza incluída? Podería ser…

O caso é ver como este señor cis, de porte aristocrático, garrido, cun look de revista masculina propio dun anuncio de reloxos, que tan encantador e agradábel resulta de entrada, cae claramente en picado ata tocar o fondo. Pero o fondo de que? O seu propio, xusto o que el non quere contemplar, e o do resto das persoas que o arrodean, esa reducida multitude elitista que acode ao museo para admirar o pretendidamente insólito, o máis difícil aínda, o sorprendente, iso que coloca a devandita elite nunha posición de privilexio, na medida en que pode mirar e desfrutar dunha expresión complexa, inherente ao que se considera arte moderna, que non sempre se sustenta nun discurso sólido, e que, con esta capacidade de apreciación do dificilmente intelixíbel, marca a diferenza e se separa nidiamente do resto da cidadanía, que nin ten tempo para “ir de museos”, nin tampouco non sente atracción por algo que considera non comprender. Ostlund deixa entrever entón a imbecilidade implícita neste xeito aburguesado de ir en globo pola vida, á marxe dos problemas económicos e sociais, facendo así dese recuncho de privilexios un The square inversamente proporcional ao da performance que se expón nese museo tan prestixioso, do que que Christian é o curador. Hai no filme, ademais desta imaxe tan plástica da miseria burguesa, outras que se fan tamén estimulantes que forman parte de secuencias, algunhas tristemente inconclusas, como a do mendigo que lle garda as bolsas a Christian mentres vai buscar as fillas e da que non sabemos ben o resultado. Refírome a quen non vemos que fai o mendigo coas bolsas. Sabemos que non as rouba, pero tampouco se nos permite ver se observa o seu contido ou se sente, nalgún intre, o desexo de marchar con elas e quitarlles todo o proveito posíbel. Este corte, talvez provocado, talvez froito deses cortes a machete, si que sorprende un pouco, porque, sinceramente, en certa medida si agardabamos ver, polo menos, algunha reacción por parte do mendigo.

Foi “cortada” con présa -en principio duraba tres horas- para poder entrar en concurso no Festival de Cannes, quedando reducida a 144 minutos dos que poden sobrar trinta

 

En todo caso, o feito de non afondar máis nesta secuencia tampouco impide que nos ubiquemos onde Ostlund pretende. Así é que, malia todo, entendemos a denuncia da obscenidade implícita nesa perversa convivencia da riqueza coa miseria. Isto mesmo volve repetirse coa persecución dese rapaz que se lle aparece ao protagonista no portal do seu edificio reclamándolle unha desculpa pola carta que lle deixou no buzón, algo que trae á memoria o personaxe de Belén Gopegui, en “El padre de blancanieves”, ese traballador, despedido pola queixa dunha clienta, que comeza a perseguila polas rúas co desexo de que faga fronte a súa responsabilidade e complicidade co sistema. Esta crítica da hipocrisía das clases privilexiadas acada o punto álxido na escena central, coa performance do home-oranguntán (unha interpretación xenial de Terry Notari) presentada por unha voz en off que avisa o público da entrada do “animal” no salón, aconsellando non amosar medo para que non ataque ninguén. “Axiña van facer fronte a un animal salvaxe -anticipa esa voz en off, e continúa-. Como saben, o instinto de caza actívase por debilidade. Se amosan medo, o animal vaino notar. Se intentan fuxir, o animal vailles dar cazá. No entanto, se fican quietos, sen mover nin un músculo, pode que o animal non perciba a súa presenza e poderán ocultarse no rabaño, sabéndose a salvo porque outra persoa será a presa” . Toda a escena é brillante. De entrada vemos o salón, coa xente vestida de etiqueta, comodamente sentada para cear nese espazo luxoso. Intuímos, no percorrido da cámara, que imos contemplar algo inusual e podemos inquietarnos un pouco. Algunha cousa vai suceder, sen dúbida. A composición do cadro é perfecta. Temos nel os personaxes e obxectos ben dispostos para unha explosión. A vaixela, os manteis, o menú, obviamente minimalista, o extremo coidado nas formas e o aroma delicado dese conxunto snob que case podemos percibir dende a butaca… A tensión latexa no aire, e, de nos agradar o que levamos visto da fita ata este momento concreto, seguramente nos entreguemos a ela e permitamos que os movementos dese home-orangután nos descoloquen tamén. É que a coreografía do brutallán ten un efecto paralizante. Deixa o grupo de comensais inmóbiles. Ignoran que vai acontecer. En principio era unha performance, mais a cousa ponse seria, así é que o riso desaparece das súas facianas conforme o brutallán se move polo salón, con cara de poucos amigos e uns bramidos aterradores. Esa procacidade, esa carencia de mesura, a violencia que amosa con cada ollada ameazante, meten medo. Xusto aquí Ostlund leva ao punto álxido a ridiculización dos privilexios dunha reducida elite que vive instalada na autocompracencia e non dubida en empregar a forza bruta ante unha ameaza que poña eses privilexios en perigo. Só con esta escena o sueco conseguiu que “The square” forme parte desas curiosas listas de filmes interesantes que non debemos perder, porque, repito, malia ser demasiado longo e tratar un tema manido -a cuestión da estupidez burguesa xa foi abordada, entre outros, por Buñuel-, si conmove e fai rir. Ademais, a maneira que escolle para elaborar a súa sátira, esa suma de viñetas de accións diversas, atrae. Que o conxunto resulte algo falido pola inconexión dalgunhas pequenas tramas que non conclúen, alén doutras que non se presentan ben cohesionadas, non entorpece o efecto final. Si hai provocación e si pode suscitar o debate. Daquela, se o filme dá lugar a unha boa conversa, por que non velo? O de que a Palma de Ouro que recibiu en Cannes sexa inmerecida é xa fariña doutro costal, claro. Habería que ver todas as pelis nominadas, e, a partir de aí, chegar a unha conclusión meditada. Iso si, tendo conta do que se comentou durante o Festival de que a calidade dos filmes en concurso era moi inferior á dos que se presentaron nos pasados anos, poderiamos pensar que The square era das menos malas? En todo caso, á marxe desta cuestión, a decisión é nosa. Podemos experimentar en carne propia a decepción que se describe en tantas críticas e ir vela igualmente ou aceptar o referido pola experiencia allea e non ir.

Comentarios