Opinión

CRTVG: ocio e tendencias?

Aínda non ben marcharamos da Praza de Praterías as moitas persoas que secundamos a manifestación deste domingo 'Por unha CRTVG ao servizo do pobo', cando o Telexornal Mediodía da Televisión de Galicia cubría as costas recollendo a mobilización nunha peza, de menos de trinta segundos, que xustifica por si mesma a necesidade de rescatar os medios públicos do secuestro do Partido Popular.

A información, que se limita a listar unha pequena parte dos colectivos convocantes, despacha a razón de ser da protesta reducíndoa á defensa "da pluralidade, do uso do idioma e da produción propia nos medios públicos", omitindo a existencia duns servizos informativos manipulados e dunha programación que non reflicte a realidade do país nin satisfai a cobertura das necesidades que a mesma lei lle manda á CRTVG.

Quen redactou esas frases? Quen? Non hai rastro na escaleta, non foi asignada polos responsables do informativo a ningún redactor ou redactora concreta. Iso que significa? Que a empresa CRTVG protexe a súa identidade corporativa? Protexe a quen escribiu esas liñas porque pode ser represaliado ou represaliada polos convocantes? Non. En realidade protexe aos secuestradores e aos seus cómplices necesarios; aos que decidiron moi arriba como darlle a volta á manifestación para terxiversala, como fan cada día con todo para converter os telexornais nun conto ao servizo de intereses particulares e partidistas que lles permite manterse no poder e na dirección da CRTVG, vulnerando leis e códigos deontolóxicos sen poñerse colorados. A Radio Galega emitiu exactamente o mesmo na Crónica das 14 horas. Alguén de arriba dixo "lede isto" e así foi.

Pero a cousa é máis grave, porque non só está podre a CRTVG. Boa parte do panorama mediático galego, tamén o privado, é cómplice consciente e activo do silenciamento, da ocultación sistemática de calquera crítica á dirección da CRTVG que mantén os medios públicos nesta anómala e delictiva situación. No principal diario do país, La Voz de Galicia, que en máis de catro anos de 'Venres Negros' nunca considerou informar da existencia e das razóns desta prolongada mobilización, despachou a manifestación nun breve sen fotografía na páxina 33 da edición impresa, sección de ocio e tendencias. En fin, e por fin, a ver se realmente inauguraron onte unha "tendencia" informativa e empezan a contar o que está pasando nos medios públicos de Galicia.

Tamén sorprende o que fixo desta vez La Región, que tampouco tivo tempo nestes longos anos para informar aos seus lectores nin unha soa vez da mobilización das camisolas negras de 'Defende'. Coa escusa da manifestación, un tal Carmelo Calvo asina  un artigo de opinión no xornal ourensán que intenta desprestixiar ou devalar a mobilización apuntando a que o comité intercentros ten en realidade outros intereses: os sindicalistas queren máis cartos para o persoal e intentan conseguilos con bronca.

Nunca alguén estivo máis errado. Tamén opina este señor que o manifesto consensuado polos cincuenta colectivos convocantes que Ana Romaní e Manuel Pampín leron en Praterías ten unha linguaxe anacrónica, propia dos tempos convulsos do franquismo. Alguén esqueceu contarlle as reiteradas condenas por vulneración de dereitos fundamentais que ten a CRTVG, a última por vulneración da liberdade de expresión a un compañeiro, como cando vivía Franco, efectivamente. Porque ás cousas hai que chamarlles polo seu nome.

En positivo, o que pasou nas rúas, sen manipulación posible. Un berro unánime dunha representación moi plural da sociedade galega para rescatar os medios que son de todas e todos para poñelos ao servizo do pobo. Tampouco hai nada que inventar, con cumprir a Lei de 2011 que regula os medios públicos xa iamos saíndo da zona anómala e entrando en territorio democrático.

Grazas a medios galegos como Nós Diario, Praza Pública, Galicia Confidencial ou Luzes, parte da cidadanía pode coñecer a problemática que atravesa a CRTVG. E tamén grazas a medios estatais como El País, El Diario, El Español ou Público no resto do estado empezan tamén a saber que aquí a situación é grave, que o Feijóo "moderado" foi vendendo o país a intereses partidistas e económicos, mentres as galegas e galegos sufrimos as consecuencias do desmantelamento de todo o público, dende a sanidade ou o ensino ata a CRTVG. E todo nun mundo idílico onde as críticas do pobo non existen. Porque, como ben apuntaban os dinamizadores do acto final da mobilización 'Por unha CRTVG ao servizo do pobo': o que non sae na tele (nos medios) non existe.

Comentarios