Opinión

Do necesario casamento da urbe co rural. Soberanía alimentar

No agro estamos moi pendentes do tempo, da climatoloxía, para planificar e para traballar... Entrou a primavera, aínda ben prendida do inverno, do frío, choiva pouca. En viñedo hai case mes e medio de atraso. Tamén nos pastos. Hai preocupación en todos os sectores agrarios xa que a escaseza de auga fai máis difícil a resistencia, as alternativas á suba de prezos, de custos ligados tanto á enerxía como a insumos alimentarios para o gando. Vólvense labrar os campos para sementar cereais, forraxes, leguminosas, remolacha...

A maioría da poboación galega vive nas cidades e nas vilas, e máis aínda na beira atlántica. As urbes galegas, os profesionais, a universidade son coñecedoras da importancia e calidade do sector agrario nacional, da terra e das súas xentes para garantir unha alimentación, leite, carne, verdura, viño, froita, pan dunha calidade excepcional e inimitábel pola súa dependencia directa das condicións particulares dos nosos terreos, pradarías e cultivos.

Algunha xente do rural, coma min, foi ás cidades galegas á estudar, á traballar, á tentar acaparar dalgún xeito saber para avanzarmos, medrar. Medrou a loita obreira, os dereitos laborais, o feminismo, a loita pola paz. 'Nunca Máis'. Medrou a defensa do ecoloxismo, a cultura, a música, a salvagarda da tradición...

Nas cidades avanzouse na xestión do lixo, na reciclaxe, déuselle peso as entidades veciñais dos barrios e parroquias, ergueuse a mocidade e gañaron apoios as súas demandas de espazos propios, como locais de ensaio, festivais de música e teatro, escolas deportivas. Apostouse polos centros de ensino público e as súas Anpas, promoveuse a lingua, a cultura e iniciativas artísticas de todo tipo, melloras en parques urbanos e periurbanos, centros artísticos e museos. Avanzouse na peonalización dos espazos públicos, introducíronse melloras nas redes depuradoras, nas praias, nas canles dos ríos...

Case trinta anos de aposta e traballo nas urbes. E mentres, o rural agardaba. Agarda aínda o seu tempo.

O rural demanda a súa atención, respecto ao seu papel de alma, química, despensa de osíxeno, de auga limpa, de alimentos sans e fornecedores.

A cidade ten que buscar o rural que a salvagarde, comprar nos mercados, á produtores e produtoras de alimentos km0; buscar, solicitar incluso por escrito o produto do agro, da terra galega. Vigo ao Porriño e ao Baixo Miño; A Coruña ás terras do Mandeo, Ferrolterra; Compostela ao val do Ulla e Padrón, Ourense á Allariz e ás terras limiás... 'SondeLugo'.

E os avances sociais, culturais e artísticos, o feminismo teñen que chegar aos milleiros de núcleos de poboación, a todos os seus habitantes.

Non hai centros de día, non hai asociacións veciñais, non hai promoción do deporte de base, instalacións deportivas. Os coidados todos recaen nas mulleres. Tamén a alimentación, a vivenda, a saúde, a educación, nenos e maiores. A cidade, polo seu propio interese lexítimo, ten que namorarse do agro.

O sector agroalimentario galego ten xa ben demostrado o seu potencial, as súas capacidades de xerar emprego e sustento económico. O rural require enxeñeiros, arquitectas, oficinas técnicas de toda índole, traballadores e traballadoras, man de obra para consolidar as iniciativas empresariais emerxentes. Este amplo territorio rural precisa un cambio de goberno galego que faga investimento en trasporte público, ensino, sanidade, servizos sociais, cultura, música, cine, que rache coa fenda dixital, que pare a fuxida por pernas das mozas.

Seguramente non consigo explicar a ambición, a resistencia, permanencia, forza e querer que hai na Galiza, entre o rural, a urbe e as vilas; unha relación que se quere rachar de xeito interesado desde intereses transnacionais, practicando un claro bullying minorizante sobre o agro, a gandaría, o mar...

Esta terra leva sendo autosuficiente milleiros de anos, alimentando, coidando os seus fillos. Compromiso, amor, xustiza social e equidade, entre o rural e as cidades galegas.

Desde as terras do Bolo, unha viticultora labrega.

Comentarios