Opinión

Queren os parques na Galiza e a industria eólica fóra

Lido nos actos do 99 aniversario dos sucesos acontecidos o 28 de novembro de 1922, no lugar de Sobredo, parroquia de Guillarei en Tui.  Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) . Homenaxe aos mártires de Sobredo.

1. Agradecemento.

Bos días. Agradezo ao  Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo e a Marga Romero esta invitación que conmemora o 99 aniversario dunha loita agraria. Unha loita  fronte a unha inxustiza. Agradezo a presencia de Vdes neste día frío.

Convocáronme hoxe aquí para falar da enerxía, dos parques eólicos e das súas alternativas,   seguramente porque somos conscientes de que seguimos con inxustizas sociais  mesmo no campo da enerxía e concretamente da enerxía eólica, hoxe igual que fai 99 anos,  seguimos sendo o punto de mira de intereses poderosos que buscan  aproveitarse de nós, vexamos. 

2. Crise enerxética: Cambio Climático.

 Todo o mundo sabe que estamos inmersos nun cambio climático, cambio climático que tamén   afecta a Galiza, é global, xeneralizado, dáse rápido e estase intensificando. Todos o notamos e a xente moza vaino sufrir de cheo.  

 O mundo científico chegou a conclusión que de seguir queimando carbón, petróleo e os seus derivados e utilizando o transporte como na actualidade, emitiremos a atmosfera grandes cantidade de dióxido de carbono principal gas de efecto invernadoiro, o que fará que suba neste século a temperatura media da atmosfera 2,7º C por riba do que temos hoxe e para evitar danos no medioambiente  e na nosa saúde  non deberiamos superar  1,5ºC .

O Cambio climático afectará de moitas maneiras provocará cambios substanciais nas precipitacións, na humidade, vai traer cambios nos ventos,  no nivel do mar, maior erosión costeira e  afectará as correntes do Atlántico que bañan as nosas costas . Veremos como aumentan aínda máis os grandes incendios forestais e as secas serán máis pronunciadas prexudicando á agricultura e gandeiría  ...  fenómenos extremos que so ocorrían unha vez en 75 ou 100 anos serán máis frecuentes e teremos que convivir con eles. 

 Por esta razón dende 1992 a Organización das Nacións Unidas ONU  ante un problema global  trata de poñer de acordo a todos os países  para diminuír as emisións  de gases de efecto invernadoiro como o dióxido de carbono.  Pero en realidade non se precisa acordo entre  190 ou 200 países, bastaría con que unha decena deles, responsables de dous terzos das emisións  deixaran de contaminar, refírome entre outros as grandes potencias como China, Estados  Unidos, India ou Rusia solo  China, Estados Unidos e a mesma Unión Europea, a que pertencemos, contribúen co 41,5% das emisións globais, mentres que outros 100 países solo representan un insignificante 3,6%. Na última reunión celebrada en Glasgow, Escocia, viuse que  os países poderosos nunca estiveron e non están neste momento por rematar rapidamente co problema das emisións, aínda que o tempo aprema.

3. A Enerxía  na Galiza.  Cal é a situación da enerxía eléctrica na Galiza ?

Tivemos  dúas boas noticias relacionadas coa enerxía no 2021 :

 A primeira é  que o Ministerio de Transición Ecolóxica   e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil declararon extinguida a concesión de Fenosa para construír o embalse do Sela no tramo internacional do Rio Miño  nos concellos de As Neves, Arbo e Crecente,  42 anos de ameaza continua  e de loita decidida da poboación, loita a que estiven unido e apoiando mesmo realizando  unha marcha andando unha semana dende Frieira a Guarda en Camposancos xa nos anos 80. Que necesidade terían do proxecto cando no 2020 a electricidade dos embalses dos rios galegos representaba a cuarta parte do total da electricidade hidroeléctrica do Estado. 

A segunda é que entre o 2020 e 2021 dous xigantes que contaminaban a atmosfera con gases de efecto invernadoiro, como eran as centrais térmicas de Meirama da empresa Naturgy  e As Pontes de Endesa, a primeira decidiu pechar e As Pontes apagou tres dos catro grupos térmicos de carbón. Eran xigantes na produción de electricidade pero tamén xigantes en botar a atmosfera dióxido de carbono, partículas e gases que provocaban/contribuían a efecto invernadoiro e a choiva ácida. Estas dúas térmicas xeraban a terceira parte de todos os gases invernadoiro que emitiamos,  tanto para o ambiente como para a saúde das persoas pois xunto cos gases invernadoiro  emitían decenas de substancias que teñen implicacións  ou relación con cancro, ictus, problemas respiratorios como asma, bronquite e tamén causan problemas cardiovasculares...

 Somos un país rico en diversidade enerxética, producimos electricidade coas auga dos ríos na Hidráulica e no bombeo, co vento na Eólica, con gas e carbón importado nos Ciclos combinados e nas Térmicas, con derivados do petróleo na Coxeración industrial, con restos vexetais na Biomasa ... Na Galiza Producimos moito máis do que consumimos, ate o punto que exportamos para Portugal, Franza e os mercados de Madrid e o País Vasco o equivalente a terceira parte da electricidade que consumimos e algún ano como no 2017  exportamos unha cantidade similar a metade do que  todos consumimos .  

No 2020  producimos  só con renovable, eólica e hidráulica, 18.556 Gwh e o consumo total galego foi de 17.413 Gwh e mesmo exportabamos 6.900 Gwh orixinados noutras fontes é dicir Galiza o ano pasado non chegaba a consumir toda a enerxía renovable que produciamos, cumprimos sobradamente no 2020 os obxectivos esixidos para o 2030  pola Unión Europea  para a porcentaxe de renovables   

Somos ricos en fontes de enerxía dicía, pero mellor dicir que facemos ricos  as grandes empresas, as empresas multinacionais con sede fora de Galiza  como as citadas Naturgy e Endesa, pero tamén a Iberdrola, Acciona  e outras con sede en Madrid, no Pais Vasco, en Cataluña, ou máis lonxe. A riqueza que xera o aproveitamento dos rios ou o vento ou a que xerou o lignito xa esgotado en Meirama e As Pontes, esa riqueza nunca estivo na nosa mao, son as empresas apuntadas as que se aproveitan da nosa riqueza. Podemos falar dun Espolio de Recursos tanto directa como indirectamente, directamente ao exportar electricidade,  indirectamente ao exportar produtos que outros transforman obtidos grazas a electricidade como aluminio, ferroaliaxes ou aceiro.

4. A Eólica.

Como temos un dos mellores ventos aproveitábeis  da Península comenzaron a finais dos 80 do século pasado instalando muíños para producir electricidade en parques eólicos.   A  Eólica  é  unha  das máis importantes  alternativas de enerxía renovable. Todos din que o o vento que temos  é  de primeira grazas as borrascas do Atlántico, aquí os muíños eólicos producen máis que outros lugares do Estado por eso teñen interese as grandes eléctricas. Temos  4.048 aeroxeradores en 111 concellos . Na actualidade contamos con case 4.000 MW de potencia eólica  que representa da orde do 14,6% da eólica do Estado e a xeración eléctrica por esta fonte está entre 7-10.000 Gwh/ano dependendo dos anos o que representa entre o 16-19% da xeración eólica do Estado, cando por poboación, extensión xeográfica, nivel de vida... corresponderíanos menos do 6%.  

A eólica  no 2020 produciu 9.992 Gwh e representou o  57,3% da electricidade do consumo galego  e o 18,6% da produción eólica do Estado . 

-En maos de quen está ?

A enerxía eólica está en maos de multinacionais, máis do 60% da potencia eólica actual está en maos de catro grandes : Iberdrola, Endesa-Enel Green Power, Naturgy -antes GNFenosa-, e Acciona. Novas empresas como Greenalia  con ex Conselleiras do Goberno Galego no seu Consello de Administración apuran para posicionarse cunha decena de novos parques,  igual que sucede coa firma madrileña Capital Energy que planea instalar en Galicia 40  novos parques  con máis de 1000 Mw. Aparte das eléctricas tamén negocian con eólicas  fondos de pensións e inversores estranxeiros e grandes bancos tanto do Estado (BBVA, Santander, Caixabank...) como da ouleada de bancos estranxeiros (estadounidenses, alemáns, italianos, austríacos...) que desembarcan no Estado e mesmo na Galicia para financiar renovables e obter xugosos beneficios.  

-Traen impactos os parques eólicos?  

 As serras e os montes galegos están inzados de aeroxeradores, liñas de alta tensión, pistas forestais. Os  parques  alteran a paisaxe e poñen en perigo non so a flora, fauna e especies endémicas ou protexidas, senón destrúen montes de turba, xacementos arqueolóxicos e asentamentos fortificados da idade de ferro por non citar xa que algúns parques están moi próximos a aldeas e lugares habitados, a lagoas catalogadas, fervenzas ...e ocasionan molestias e impactos. Xa no ano 2009 o 39% da potencia eólica estaba instalada en zonas protexida de Rede Natura e na actualidade algúns parques novos pretenden instalarse en zonas protexidas e áreas da Rede Europea Natura 2000, intento que sempre está avalado pola Xunta de Galicia, ate o extremo que os tribunais como TSXG son os que obrigan ás administracións públicas a cumprir co seu deber de preservar os espazos naturais protexidos e defender os intereses colectivos fronte os intereses privados das empresas eléctricas que só busca o rédito económico, como sucedeu no parque da Serra do Iribio en Samos, Lugo. 

Os impactos están a vista por eso os veciños de Sta Comba, Outes, Negreira, Ordes, Mazaricos, Ponteceso, Samos, Triacastela..e outros  denunciaron xa no ano pasado que a lexislación actual favorece a implantación de muíños "por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións".

-Os Organismos públicos  como responden ?

Os organismos públicos fan caso omiso das mobilizacións, marchas e protestas dos colectivos veciñais e asociacións que non están contra a enerxía eólica  senón que están contra os impactos e a industrialización do monte,  e dun modelo enerxético que unicamente beneficia as eléctricas a costa do noso país, da natureza,  paisaxe e das persoas. Neste ano miles de persoas e decenas e decenas organizacións reclamaba a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e que se promova no país un modelo de implantación desta enerxía máis ordenado, sostíbel, social, participativo, xusto e racional. 

Todos coinciden en que as solicitudes de novos parques  van ademais de os montes  as súas ladeiras   e a zonas venteadas próximas a núcleos de poboación  e  a Xunta autorízaas incluso a tan so 200 m de vivendas illalas ou 500 m de aldeas e núcleos, non lles importa as molestias, o impacto visual  ou por ruído.

Por fin ante a mobilización e  presión social  o Goberno galego viuse obrigado a declarar unha Moratoria temporal  "simulada"  de ano e medio a partir de xaneiro do 2022  pois non daba feito,  tiña sobre a mesa  tramitándose xa en maio  50 novos parques e en carteira 200 solicitudes  que sumaba 7.200 MW case o dobre de potencia do que temos en funcionamento  e no Ministerio en Madrid existían outros 32 novos parques en trámite para Galicia con  2.500 MW máis para vir aquí.  A demanda por instalar parques non para, agora apuran os proxectos como Albariño I na Serra da Groba, non lles importa o  impacto que supoñan con  perigo/destrución de valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais .

-Traen postos de traballo ? Traen industrialización asociada ? 

Cando afirman que van crear postos de traballo por experiencia sabemos que non é verdade, só xeran emprego na fase de construción quedando logo un mínimo persoal de mantemento que atende varios parques. A industria asociada tampouco é para nós, senón que llo pregunten á fabrica da multinacional  Vestas  en Chavín, Viveiro con 115 traballadores  que fabricaba xeradores e paneis de control de turbinas e á fabrica de palas de Siemens-Gamesa As Somozas con 215 traballadores pechada recentemente no momento que pretenden instalar centenares de novos parques. 

O territorio de Galiza e de España sigue sendo un mercado clave para as empresas que pechan na Galiza, Vestas e Siemens, pero despiden aquí e van  abrir novos centros en Portugal.  Vestas , empresa danesa, queda no Estado con 2.200 traballadores, a hispano-alamana Siemens  queda con  4.400 traballadores,  pero pechan fábricas  na Galiza e nin a Xunta nin o G0oberno do Estado o impediron, vese que non queren ou non son capaces de defendernos. 

Preguntamos ? Que nos interesan máis  os parques ou a industria asociada ao eólico.? 

Vemos que quedan Parques na Galiza  e a industria vai a outros lugares.  Neste ano  perdemos 33o postos de traballo na industria eólica,  onde están as  fábricas   de compoñentes eléctricos dos aeroxeradores, das multiplicadoras e engrenaxes, das torres, das palas, das góndolas, dos motores, onde os necesarios  e imprescindibles centros de Investigación e Desenvolvemento...?.  Siemens-Gamesa  queda con fábricas  en Xaén, Zaragoza, Asturias, Cantabria, Albacete, Burgos, Soria, Valencia, Madrid, Navarra, Pais Vasco e o xigante multinacional Vestas sigue con fábricas e mantemento en Barcelona, Andalucía, Castilla-León e Castilla-La Mancha ...ao principio nos 80, cando fomos pioneiros,  instalaban  algunha fábrica para  a  produción eólica , agora péchanse e lévanse a outros lugares.

Riqueza  eólica ? Son a solución  para os Concellos?  

Os partidarios dos muíños de vento argumentaban supostos beneficios en materia de creación de riqueza e postos de traballo e as empresas eléctricas sempre prometen centos ou miles de postos de traballo. Hoxe Muras, Abadín, Ourol, Valadouro son Concellos da provincia de Lugo que teñen gran cantidade de aeroxeradores funcionando, igual que As Pontes, Ortigueira, Mazaricos ou Dumbría na  Coruña  e Lalín e Forcarei en Pontevedra.  Muras  preto de As Pontes no norte de Lugo vai a cabeza de Galiza por número de muíños de vento e número de parques,  na serra do Xistral, teñen tantos parques eólicos  como  en toda a provincia de Ourense, e moitos de Vdes pensarán 

                                    Logo deben vivir ben ? Terán moitos postos de traballo  no eólico ?

                                      Medrará a  poboación ? Non emigraran os mozos?.

Muras conta 20 parques eólicos e 381 aeroxeradores  de Acciona, Endesa, Iberdrola e Norvento,  ten o concello 619 habitantes, instaláronlle os parques eólicos na década dos 90  en zonas protexidas xa que 1/3 do concello pertence a Rede Natura, tiña en 1990 case 2000 habitantes, exactamente segundo o INE 1.934 habitantes, e dende esa data foi perdendo poboación,  no 2000 so tiña 1.151 habitantes, no 2010 787 e no 2020 619 habitantes, en Muras tan so 60 persoas son menores de 25 anos e naceron 13 nenos entre o ano 2010 e o 2019.  ¿Aquí temos o exemplo das marabillas do Eólico ¡

En Muras  viven da  gandeiría extensiva,  das granxas, dos servizos e das poucas fabricas (de envases ou plástico)  que teñen no concello de anos atrás pero  os postos na eólica son  só 4 ou 5. Onde están os postos de traballo que prometían os parques ?  O único que sacan os veciños  son

axudas de entre 300-600 euros anuais que concede o Concello  para pagar a factura da luz e os 1.500 euros/ano que tamén concede a empresas  e os negocios. Pero é esta a solución ou cambiarían o este diñeiro por novos postos de traballo ? Son os parques a solución a despoboación do rural,  son a solución para crear emprego, son a solución a emigración da xente moza ?  

 Os pagos das eólicas por asentamento máis os impostos municipais (Licenza urbanística, Imposto de construción, Imposto de actividade económicas=IAE, Imposto de bens inmobles =IBI) aos concellos deixan como moito o 5% do que levan as multinacionais.  

 Por último temos que mirar para as

 5. Alternativas

Non podemos mirar  a este modelo de eólica terrestre como alternativa. É un despropósito    irracional instalar  muíños de vento xigantes de 125-150 m ou preto de 200 m de altura e outros tantos de diámetro de rotor e cunha potencia que está xa en 4,5 MW -5 MW. 

Non podemos nin debemos consentir que se instalen estas máquinas xigantes na Serra da Groba, a Serra do Galiñeiro, O Suido, Pena Trevinca,  Os Penedos de Traba,  Os Ancares-O Courel  ou mesmo próximos ao Monte Aloia.  Non se precisan parques xigantes nas ladeiras de montes nin  en terras  agrícolas ou xunto a aldeas.  Si os parques  de multinacionais se tramitan con urxencia e rapidamente con aval da Xunta é por algo, nin sequera queren que nos decatemos. Sabemos que detrás dun parque síguelle outro e outro, o primeiro parque na Serra da Groba que estaba este mes a exposición publica será de 6 aeroxeradores e 25 MW pero no futuro anunciaron outros catro máis con máis muíños e máis MW. 

Non queremos que Galiza se converta nun gran polígono  con parques eólicos ao servizo de intereses alleos, pretenden unha vez máis que os galegos sigamos subministrando electricidade barata en macroproxectos que fragmentan de forma fraudulenta. "Proxectos con impactos críticos en áreas de interese paisaxístico" como o previsto na Serra da Groba. A transición enerxética non  pode  nin debe dar carta branca as multinacionais, a transición debe ir en beneficio  do territorio e das persoas  e si non é asi obriga a esixir unha Paralización definitiva dos novos parques.  

A eólica  nin nos serve para ter  unha tarifa especial por producir moita electricidade. Pagamos a factura da luz igual que os que non producen e pagamos as perdas no transporte eléctrico como si estivésemos a centos de km da fonte eléctrica cando temos os parques eólicos ou mesmo os embalses ao pé da casa. Pagamos igual que os de Madrid ou outros lugares que reciben a nosa electricidade libre de contaminación ou dos problemas  que quedan aquí.

Nade dúbida de que as renovables son a alternativa si se fai ben e participamos dos beneficios, pero non é este o caso. 

En Europa na actualidade  están volcados na eólica mariña, 5000 turbinas eólicas están plantadas nos mares da Unión Europea. No mar  lonxe da costa o vento e mais regular, constante e  seguro que en terra e ofrece potencialmente máis xeración eléctrica. Pero non debemos deixar enganar, na Galiza nas rías e no litoral na estreita plataforma continental a nade se lle debe ocorrer instalar  eólica fixa    é acertada a  prohibición de instalar parques de eólica fixa  -profundidades inferiores a 50-70 ou 100 m -  .

Pero  existe na actualidade a posibilidade doutra eólica, a  eólica mariña flotante de profundidades que supera centenares de m,  afastada da costa, fora da vista, máis alá do que pretenden, a 20, 30 ou 40 Km de distancia de terra ou incluso máis. A eólica flotante en zonas acoutadas pode ser a alternativa á eólica terrestre e os impactos que esta produce. Chega unha superficie como a do concello de Fonsagrada no mar,  pouco máis de 400 km2 para que un parque eólico  teña unha potencia equivalente a metade de toda a potencia  que temos en terra. 

Se temos un corredor marítimo a 40 km da costa polo que pasan ao ano máis de 40.000 buques moitos deles con mercadorías perigosas fronte a Fisterra e ninguén o cuestiona, por que non podemos ter un parque eólico flotante a 30 ou 35 km de nós? .  

Claro que non se poden cometer os  mesmos erros que se cometeron na eólica terrestre, ten que existir un Plan de Ordenación de instalacións no mar que compatibilice os usos - pesca, tráfico, recreo- temos que ter unha industria asociada - industria naval e de compoñentes plataformas, sistemas de amarre, palas, góndolas..-e garantir que esta industria dure e participar nos beneficios  deste gran recurso e que den  beneficios para fins sociais.  A industria naval galega  está preparada – xa traballa Navantia en Ferrol neste campo para parques flotantes doutros países- e pode apuntalar o desenvolvemento desta tecnoloxía  con plataformas, sistemas de amarre, fabricación de compoñentes...

Tamén poden buscar outras alternativas sostibles como a solar.  Hoxe estamos entre as tres últimas comunidades do Estado por potencia e xeración solar.  A fotovoltaica galega representaba unicamente o 0,36% da nosa potencia eléctrica e so temos 39,95 MW de potencia mentres  no Estado alcanza xa  6.770 MW.  As posibilidade da solar en Galicia non son peores que as posibilidades solares de países como Alemaña  ou outros centro europeos ou do norte de Europa, non nos discrimina o sol, discrimínanos a política oficial. 

Sóbranos electricidade pero si fixera falta  temos posibilidades noutras renovables como a enerxía das mareas, olas, correntes mariñas, xeotermia... pero a sociedade ten que ir pola senda  do aforro enerxético e non despilfarrar, ten que ir poñendo a base para un modelo enerxético e social diferente. Somos un país con grandes  recursos enerxéticos  da auga dos rios, do vento, do sol e mesmo no futuro do mar.

  6. Conclusión, resumo.

1. Somos grandes produtores de eólica.

2. Exportamos a terceira parte da electricidade que xeramos

3. Os parques eólicos non crean emprego e teñen importantes e notables impactos.

4. As multinacionais fan o gran negocio con nós e aquí apenas quedan beneficios.

5. Temos parques pero carecemos de industria eólica, e a pouca desmantelase e instalase fora.

6. As eléctricas interésalle o abandono do campo e despoboamento para instalarse máis facilmente.

Pero como alternativa temos:

1. A eólica flotante afastada da costa que ten que ter en conta os nosos caladoiros e recursos mariños e necesita que os beneficios da produción revertan na sociedade galega non como sucedeu ate agora.       

2. Non podemos ter eólica fixa nin nas rías nin próxima a costa.

3. Temos que esixir unha Industria  eólica asociada aos parques. A industria xera moita  máis riqueza e postos de traballo que os propios parques. Si as eléctricas queren parques que traian industria.

3. Debese buscar unha Moratoria indefinida da instalación de parques eólicos en terra.  

 4. Precisase potenciar a enerxía solar e outras enerxías  como enerxía das olas, mareas, correntes..

5. Necesitamos un modelo enerxético propio, descentralizado, con aforro e eficiencia  dentro dun modelo social sostible, decidindo e sendo donos do noso recurso.

Seguiremos intentando  que o vento  estea ao servizo do país, das galegas e galegos e non das empresas multinacionais.  

Moitas grazas, un saúdo e boa tarde 

Comentarios