Opinión

Viva o 25 de xullo, Día da Patria Galega

O 25 de xullo foi o Día da Patria Galega. Acudimos a Compostela uns 20.000 patriotas para manifestar o noso amor a Galiza. É un día de ledicia e reencontro con camaradas, compañeiros, irmáns atemporais. Mais, tamén é o día da reivindicación da necesaria soberanía para resolver os nosos problemas. É o día da manifestación da nosa solidaria irmandade internacionalista con moitos dos protagonistas vítimas do neocapitalismo multiforme pero aniquilador. É o día da nosa solidariedade e irmandade cos pobos asoballados: Cuba, Palestina, Euskadi, Cataluña, Castela; cos irmáns do Atlántico: Irlanda, Escocia, Bretaña, Gales, Portugal… O Festigal na carballeira é un lugar no que se vive liberdade. O nacionalismo galego ten vida, ten introdución social e autoorganización, que é obrigado estendela moito máis. O BNG é o seu sangue. Con todo, quero sinalar que nos tempos actuais continuamos a sufrir un espolio obxectivamente colonial e que a liberación de Galiza e das clases maioritariamente populares só pode ser autoorganizándose dende as características propias da nación galega. Dicía Castelao: "Nunca virá de fóra remedio ou esperanza". Está a caer a máscara da sofisticación. Galiza para PP e PSOE é a solución á "transición ecolóxica". Todos ven a nosa terra como a salvación actual e futura para a produción das enerxías limpas. Vale, moi ben. Para alén diso, Galiza benefíciase ou significa, como comprobamos, a destrución do seu modo de vida natural, dinamitando montes de riqueza arqueolóxica probada, en Cerdedo-Cotobade, destruíndo a vida salvaxe de cabalos e gando e cultura secular como "a rapa das bestas" en Sabucedo? Como explicar resultados electorais como os das xerais mais alá do uso de medios partidistas se non pesa sobre nós a idea de dependencia do centralismo que na nosa terra é imperialista?

Se temos a riqueza que todos cobizan, pobo traballador, xentes preparadas coa formación necesaria e incluso centros de investigación que poden transformar esa riqueza nun ben para a nosa patria, que nos falta? Gobernar nós a nosa terra, facer da súa riqueza un ben común para todos e todas os que vivimos na Galiza.

Por unha Galiza Ceibe e Popular!!!

Comentarios