Opinión

A verdade é sempre revolucionaria

D icir a verdade é sempre revolucionario (VI. Lenin e Gramsci). Hoxe parece que vivimos instalados na mentira. Agora ben, na política mais alá da ética-persoal xulgamos a política práctica . A política é ética pública, segundo os gregos, é a conduta racional. Vai contra a desorde intelectual, que produce mala práctica ética e unha educación acrítica da cidadanía. Parten da definición de individuo como “animal político”, animal que vive na polis, que exixe unha ética pública, política, onde a mentira e a corrupción son vicios a desterrar. É necesario defender a práctica das virtudes políticas, do ben común. Non hai escepticismo ético. Hai un certo universalismo de valores dunha ética pública, identificada coa política. Onde a verdade ocupa un lugar central e prioritario. Para resolver os problemas hai que os coñecer. Nada se soluciona dende a ignorancia. Non se pode mentir ao pobo. Unha política como a que practica Núñez Feixoo é a antítese da política como ética pública.

Por iso é tan importante o papel dos medios, a súa independencia. Como demostra a entrevista na TVE de Silvia Intxaurrondo que desmontou as mentiras de Feixoo. Rachar a complicidade dos medios coa dereita e ultradereita é imprescindíbel para a democracia. A verdade é fundamental para coñecer a política práctica de Feixoo. Basta saber como gobernou Galiza cos medios comprados, “practicamente todos” excepto Nós Diario. Usan de maneira partidista as leis. É perigosísima a aplicación dunha normativa ad hoc nestes momentos para as empresas enerxéticas, para as eólicas, non hai monte que non estea ameazado. E agora veñen polo mar, polos ricos caladoiros arriscando a nosa industria pesqueira. Utilizan en beneficio dos seus, as grandes empresas multinacionais, as institucións xurídico-políticas.

Galiza precisa unha transición enerxética xusta, políticas sociais e de emprego para as nosas xentes e non políticos que gobernen para “amigos” e multinacionais como fan Feixoo e o PP. A utilización da mentira conduce a un desorden moral  que remata no fascismo.

Goebbels, ministro de Propaganda de Hitler dixo: “Mente, mente, mente que algo quedará. Canto máis grande sexa unha mentira mais xente a crerá”.

Comentarios