Opinión

Un debate pendente

P ensei en falar da gran vitalidade do noso mundo cultural e musical ou dos deberes do momento político, protagonizado por un bipartidismo trasnoitado. Fálase da política de bloques, é unha falacia. Continúa o protagonismo de dous partidos españois. Na campaña electoral a sensación é de continuísmo. Nada novo mais alá da recorrencia aos perigos da extrema dereita anticonstitucional: supresión do aborto, contra o artigo 15 da Constitución española (CE), ilegalización dos partidos soberanistas, contra o pluralismo como valor superior da CE, eliminación das competencias na sanidade, educación, policía autonómica... Derrogar leis orgánicas, trans, violencia de xénero... require maioría absoluta do parlamento.

Utiliza sempre Feixoo a linguaxe ambigua, permítelle dicir unha cousa e soster a contraria, unha imprecisión buscada que lle dá aparencia de non sectario, actúa con man de ferro, incumpre promesas sen violentarse. É un xefe da dereita dura. En Extremadura logo de negarse a colaborar con Vox, a presidenta tivo que "tragar" por orde do partido, integralo no goberno en “Xestión forestal e mundo rural”, máis 60 medidas e un posto de senador autonómico  do PP. Na Galiza, Feixoo acusou o bipartito de controlar a Compañía de RadioTelevisión de Galiza (CRTVG).

En 2011, aproba unha lei para despolitizar os medios públicos “hai que elixir o presidente por maioría cualificada”, mais a persoa que nomeou ao principio da sua presidencia é a que continúa. Nin creou o Comité Profesional. As traballadoras e traballadores dos medios protestan polo control da información todos os “Venres Negros” desde 2018. E un total de 18 condenas para a CRTVG nun ano por ir contra os dereitos laborais.

A CE é produto dun tempo concreto. Non houbo ruptura democrática e si continuísmo estrutural dunha monarquía corrupta, títere dos poderes económicos e políticos franquistas que nin tirando de competencias autonómicas resolve os problemas da dependencia colonial da nosa terra. Habería que formular unha nova Constitución que, para empezar, propuxese unha estrutura federal ou confederal. Porén,hoxe non se formula o debate ou posibilidade dun mínimo cambio.

Pensemos. É fundamental e urxe formular debates onde a estrutura do Estado se cuestione.

Comentarios