Opinión

Tempo de manipulación

A guerra de Gaza é a guerra de autodefensa para os sionistas de Israel. As guerras son o fracaso das institucións internacionais da II Guerra Mundial para manter a paz, protexer a infancia e os refuxiados. O Consello de Seguridade da ONU non logra a fin do xenocidio palestino. A impunidade do sionismo liderado por Netanyahu, apoiado polos EUA, Europa e os países árabes. A Corte Internacional de Xustiza, a instancias de Suráfrica, iniciou proceso contra Israel pola Convención sobre Xenocidio de 1948.

O 29 de decembro de 2023, despois de 75 anos de apartheid, 56 de ocupación e 16 de bloqueo de Gaza, só ditaminou "medidas cautelares para a prevención do xenocidio", pero non un "alto ao fogo inmediato", que era a medida esperada. Sumouse a ameaza sobre Rafah, último refuxio dos palestinos, 1.400.000 sostidos pola UNRWA, a axencia da ONU para os refuxiados perseguida e cuestionada. As cifras do masacre é de 100.000, dos que 28.000 son mortos, 11.000 son nenos e dos 67.000 feridos e mutilados, 27.000 son menores e 4.600 mulleres encinta sen hospitais. Un masacre televisado. Non hai autodefensa para Palestina.

Contemplamos como a realidade pode  manipularse, nas protestas do "campo", que son xustas polo comportamento hipócrita dunha UE que exixe condicións ríxidas medioambientais para lograr "unha agricultura verde", pero abre a "fortaleza" europea á produción de terceiros países que non cumpren estes requisitos. Esta loita para o PP e Vox vai contra o "dogmatismo ambiental". A "elite urbana" está polos dereitos sociais, é oposta a "ideoloxía do campo". Un campo idealizado, sen industria, servizos e de bondade natural. Campo contra cidade, imaxe de degradación física e moral. É a tese de  Rousseau, o natural fronte ao artificial, propia dunha certa esquerda e hoxe desta dereita. Chega afirmar un Feixoo amadrileñado que hai un goberno "urbanita, inimigo do rural" mandando desde Madrid.

Feixoo e Rueda falan da Galiza como "illa da estabilidade", fóra das liortas e perigos do nacionalismo, como unha Arcadia feliz grazas ao Partido Popular. E vemos a dura oposición do PP contra a amnistía, mais é falsa. O PP ofreceu indultos por goberno a Junts, imposíbel polo pacto con Vox. Esperamos cambio. 

Comentarios