Opinión

Teimando nas eleccións xerais

É unha constante a diferenza de apoios que o BNG obtén na eleccións municipais, incluso na autonómicas, respecto das xerais. Concordo con M. Monge é necesario consolidar o voto das municipais. 

Mais alá da polarización que o bipartidismo alenta con dúas muletas insuficientes, Vox para a dereita e Podemos-Sumar para centro-esquerda. Máis alá do apoio descarado dos medios de comunicación, xornais, tv, tvg… 

Pensamos que un pobo como o galego alienado secularmente vota nas xerais o que se vende como útil e que o BNG non é útil na política estatal nin supraestatal como a UE. 

Erro importante, pois ao longo da historia o movemento nacionalista galego ten logrado importantes resultados. Tan importante como impedir a instalación dunha central nuclear en Xove, ou a implantación de 7 celulosas na Galiza, ou o non vertido na fosa atlántica, perto das nosas costas, de residuos nucleares. 

Cun só representante no Congreso, Néstor Rego, consegue cuestionar a AP-9, rebaixar o seu coste para as usuarias, exixir o uso do lingua galega nas institucións, denunciar a invasión eólica dos montes sen beneficio para a nosa terra, ou a ameaza para a pesca que supón a eólica mariña axudada co Plan de Ordenación do Espazo Marítimo, onde non se contempla a pesca como actividade prioritaria contra os “señores do vento” (Torcuato Teixeira). Será o turismo e turismo deportivo o prioritario para o PSOE?

Un pobo que non se estima a si mesmo, que desconfía da súa forza para defender o que lle é propio e do que depende a vida das súas xentes, é un pobo colonizado, que  non aprecia a súa historia, cultura, a súa lingua. Asume que é inferior. 

O problema do colonialismo son os estereotipos “somos pequenos, pobres, incapaces…”. Non nos cremos capaces de defender a nosa terra nas institucións do Estado e da UE. 

Solucionar a falla de confianza do país en si mesmo require activar dende as institucións e o asociacionismo, unha fronte cultural que explique e axude a comprender a situación de dependencia e espoliación na que vivimos, que destrúa estereotipos nos que Galiza é inferior, irmá pobre das “nacións periféricas”.

Só cun real coñecemento non folclórico das nosas capacidades podemos superarnos.

Comentarios