Opinión

Reflexión sobre globalizacións

Hai globalización desde arriba e desde abaixo. Na globalización desde arriba, o universalismo que vivimos ten riscos propios. A II Guerra Mundial acelerou a crise do modelo representado por Europa coa defensa da soberanía dos estados, cuestionando a autoridade política e xurídica de suxeitos externos. 
As Nacións Unidas, na súa Carta, fundan o Consello de Seguridade cun poder real, mais co control de veto das cinco nacións vencedoras contribuirá á globalización desde arriba. Desde o 11-S, os EUA mudan en gardiáns principais da orde mundial contra o "eixo do mal". 

A globalización desde arriba, coa liberalización do capital, a interdependencia do mercado, o desregulamento do mundo laboral, reduce a intervención pública en ensino, sanidade e servizos sociais; aumenta o desenvolvemento científico-técnico non en beneficio das maiorías; potencia o gasto militar e as vítimas civís dos conflitos armados, as mortes por desnutrición. Utiliza irracionalmente os recursos naturais. A OTAN é o brazo armado das políticas dos EUA. A globalización desde abaixo, sostén Boaventura de Sousa, é o resultado de forzas contrahexemónicas, dos movementos sociais emancipatorios indutores dun cosmopolitismo liberador e do "patrimonio común da humanidade". 

Nacións, grupos sociais, voluntariado, ONG, foros sociais mundiais son o muro de contención das dereitas, contra o reparto desigual da riqueza, o "cosmopolitismo imperialista" occidental e a explotación dos pobos de América, África e Asia.

A UE, defensora dos dereitos sociais fronte a un neoliberalismo aniquilador dos recursos da terra, vive ameazada pola reaparición de forzas reaccionarias polarizadas dos partidos conservadores e neonazis en Alemaña, Francia, Italia ou Polonia... Na guerra de Ucraína e no conflito armado de Israel-Palestina Europa está desaparecida. 

Está inmersa na polarización sobre a inmigración, convertida polas dereitas nun problema para as políticas públicas, inimiga da civilización occidental, das identidades nacionais e causa de inseguridade e medo.

O PP de Feixoo segue perigosamente a Vox, partido racista e xenófobo. Agardemos que non se sume ás políticas antimigración dos partidos da dereita en Europa.

Comentarios