Opinión

Na procura dos votos

A reacción das dereitas pola amnistía encádrase nos movementos populistas que inundan a política e a vida cidadá no Estado español, en Europa e parte do mundo. A saída das catacumbas dos "zombis" en Madrid móstranos unha realidade que pensabamos inexistente. Diante dunha realidade difícil e incerta, a xente responde exixindo certezas e forza. A resposta é contra os que crean "inseguridade". Contra políticos, cuestionando a democracia representativa, que parecen atender a cuestións non importantes para a cidadanía, que se encontra impotente, en desigualdade.

É a percepción de perigo diante dun pluralismo cultural e relixioso que nos remite á inmigración. Isto sucede en Francia con Le Pen, Wilders nos Países Baixos, Meloni en Italia, cos gobernos de Polonia e Hungría, coa extrema dereita da Europa do Norte. Son movementos da extrema dereita, populistas, que parecen protagonizar as protestas sociais frente ás esquerdas. Cuestiónase a Europa dos dereitos sociais.

En Galiza o panorama é diferente. A extrema dereita case é inexistente nas institucións. Pódese pensar que galegos e galegas somos máis dialogantes. Non é tolerancia. Tolerar é conceder e concede quen se sinte superior porque permite a diferencia. Outra razón: da dereita saíu a extrema dereita, é dicir, continúa no PP. Na Galiza sufrimos ser inmigrantes secularmente e continuamos a selo. Mozas e mozos preparados seguen a emigrar a Europa coa desculpa de aprender idiomas. Pero é a necesidade de vivir, aínda que sexa de empregos precarios. As últimas cifras dan 527.440 galegos e galegas fóra da terra. Fóra dun país con grandes problemas demográficos, que a inmigración pode axudar a solucionar.

Dende a Xunta, a política cos retornados está moi coidada. Teoricamente Rueda "coida" dos descendentes dos galegos e galegas co plan Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 cun orzamento de 1,8 millóns de euros. A próxima campaña electoral está inzada de axudas e regalos económicos tal coma un banco sen fondo. Aspira ao retorno de 30.000 descendentes de persoas galegas de América. Obxectivo, "atraer talento e experiencia…" cando o emprego é para servizos e turismo. Non será un plan para buscar os votos da emigración? Nun país con 133.348 parados e paradas.

Comentarios