Opinión

Primeiro ser, despois triunfar

Arealidade actual cuestiona algúns dos principios políticos que constituíron as sociedades no século pasado. A guerra de Ucraína e o exterminio dos palestinos en Gaza son dous exemplos da ruptura das regras acordadas despois da II Guerra Mundial. Nin Rusia nin os sionistas de Israel apoiados por EUA co brazo armado da OTAN, á que Europa é subsumida, respectan a soberanía dos pobos.

Os intereses dos países imperiais, Rusia e EUA, coa súa filial Israel, priman na política internacional. As institucións internacionais, ONU, Consello de Seguridade, Corte Internacional de Xustiza, creadas para loitar pola paz entre nacións, carecen hoxe de efectividade. A súa inoperancia diante do exterminio do pobo palestino reclama a actuación de pobos, xentes e axencias humanitarias situadas fóra desta globalización vertical, desde arriba. 

Cando vemos o xenocidio palestino preguntámonos que pode unir, que pode vincular tanto un pobo que diante da súa destrución e exterminio continúa reclamando a súa existencia como tal? Mais alá dunha cidadanía con dereitos democráticos, con participación e comunicación entre si, é obrigado recoñecer os elementos que identifican un pobo cunha cultura, entendida como unha forma de vida, cunha étnica-cultural. Onde a moral colectiva, o dereito e a política teñen que formar unha trepia inseparábel.

Esta podería ser a base dunha cidadanía democrática, dunha comunidade democrática. É así que convén en moitas ocasións escoitar os clásicos. No noso caso escoitamos Castelao en Sempre en Galiza, cando en 1935 escribe exiliado en Badaxoz. Di así: "A realidade actual dá noxo, pero non podemos fuxir d-ela por escrupos inúteis, pois para modelar un povo de barro é forzoso luxar as mans. De tal xeito se impón unha política de realidades, que os mesmos defectos deben ser cultivados para que se troquen en virtudes. Fundirse co povo, sentir as angurias da súa resiñación, infundirlle conciencia da súa persoalidade e capacidade, darlle vida e arelas para prosperar. Primeiro ser, despois trunfar. Porque aquel que non teña fé absoluta nas virtudes, en potencia, do noso povo, non ten dereito a galvanizalo con promesas electoreiras e transitorias. Nós temos fé no noso povo e moi logo o noso povo terá fé en nós" . 

Unha lección do mestre. 

Cómpre non esquecer Palestina.

Comentarios