Opinión

Oportunismo político

Asistimos ao debate renovado sobre terrorismo. Sobre democracia. Sobre a Constitución Española cunha amnistía ao aparato franquista, algúns con delitos de sangue e leis inxustas.

Se nunha democracia occidental asumimos que os votos dan legalidade e lexitimidade, debemos aceptar os partidos que son votados para unha institución e máis se o son masivamente. Son manifestacións da vontade popular. Nas últimas eleccións lexislativas ao Consello Lexislativo Palestino, no 2006, venceu con maioría absoluta Hamás na Faixa de Gaza co 44,45% de votos positivos e 76 escanos dos 132 da Asamblea, frente aos 43 de Al Fatah. Hamás, como Movemento de Resistencia Islámica, foi creado por Israel contra OLP en 1987, na 1ª Intifada.

Os ataques ao Goberno por negociar con Bildu, partido legal, son exemplo do cinismo político. O PP de Aznar negociou unha tregua con ETA en 1998, un ano máis tarde da morte de Miguel Ángel Blanco. No 1999 envía a Zúrich unha delegación ao mando de Mayor Oreja, autorizado para ter contactos "co Movemento de Liberación Vasco", digamos ETA. No 2017 Rajoy ofrecía a Puigdemont "amnistía a cambio de eleccións legais…". Mediador, Juan María Uriarte (Nós Diario, M. Monge). O PP de Feixoo ataca e escandalízase por votar a Bildu en Pamplona frente a un goberno inoperante. Escandalízase pola amnistía e pola figura de mediador. Nada que non fixeran eles no pasado. Obxectivo controlar o poder. Puro oportunismo político.

Feixoo impón un mediador estranxeiro para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, despois de cinco anos caducado e de maioría conservadora.

Criticamos o terrorismo, por ser unha violencia incontrolada. Pero, que será dos nenos e nenas, mozas e mozos palestinos mutilados física e psíquicamente mañá? Serán terroristas? O dereito á defensa é recoñecido no Dereito Internacional. Recoñecemos ese dereito aos palestinos? O oportunismo político ten moitas caras.

As eleccións galegas, test político para partidos españois. Todos "galeguistas". Rueda como político centralista non quere competencias nin fiscais nin territoriais para non contribuír ás "desigualdades". Si, a de Galiza. Sumar dende a corte madrileña cunha candidata, portavoz en Madrid, é a imaxe da dependencia e o oportunismo político.

Comentarios