Opinión

O futuro é do BNG

As eleccións deixan dúas importantes achegas para o nacionalismo. Unha, a presenza do BNG como forza maioritaria da oposición: é un cambio estrutural. A outra, é o transcendental voto da xente nova ao BNG. 

Os 25 deputados e deputadas, 32% do voto, converten o BNG na alternativa ao PP na Galiza. 467.000 votos é indicativo de que o Bloque conseguiu un cambio estrutural ao situar o nacionalismo frente a unha dereita, superado o PSOE, sometida a Madrid, que non incrementou o poder autonómico, que non pediu ningunha transferencia das permitidas no Estatuto de Autonomía de 1981, con 35 pendentes de ser traspasadas; asignando a Galiza o papel de nación dependente. O nacionalismo galego, soberanía, sempre tivo moi claro a necesidade de transformar as estruturas económicas da nosa terra, potenciando os sectores primarios: campo, monte, ríos, rías, pesca, minería; apoiando a súa transformación industrial. A necesidade de reorganizar territorialmente a nación, así como os seus sistemas produtivos. No bipartito xa había un Decreto Eólico beneficioso para o país, que o Goberno de Feixoo foi o primeiro que desfixo. Había tamén o obxectivo de regaleguización de Fenosa e as Caixas.

Nestas eleccións o BNG non alcanzou a finalidade de gobernar dende Xunta, mais si obtivo resultados moi importantes. En Vigo, a cidade mais industrializada, votaron 55.000 persoas ao BNG, 36%, e a esquerda alcanzou 60% dos votos. Foi a organización mais votada en Redondela, Cangas, Moaña, Catoira, O Grove, Soutomaior, Fene, Mugardos, Allariz, Vilar de Santos e Verea. Os resultados sitúan o Bloque como alternativa ao centralismo colonizador español. Outro cambio moi significativo é quen o votou. 79.072 galegos e galegas cumpriron maioría de idade, 3% do censo, segundo o CIS, 39,2% dos novos votantes escolleron o Bloque, 14% PSOE e 9% a PP. Entre 25 e 34 anos, preto de 41%, elixiron o BNG. O Bloque posúe a forza e autenticidade do que nace e traballa pola terra. O BNG ten o corazón e o cerebro na Galiza.  

Sitúase así como unha organización aberta a un próximo futuro que está no horizonte da xente nova. Xente  nova que ten a construción e o porvir da nosa nación nas súas mans. 
Adiante por unha Galiza ceibe e popular.

Comentarios