Opinión

Para non esquecer Gaza

Aprobada polo Consello de Seguridade da ONU a resolución que exixe o inmediato alto ao fogo, coa abstención dos EUA, Netanyahu utiliza esta resolución e paraliza as conversas para acordar un alto na masacre de Gaza. E manifesta que non a obedece.

A maiores, a relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese, informou ao Consello de Dereitos Humanos da política estatal de xenocidio dos sionistas contra os palestinos ao se dar tres actos que a Convención considera xenocidio.

O primeiro, a matanza física intencionada total ou parcial do grupo oprimido. O segundo, crear deliberadamente condicións de destrución da vida física ou mental do grupo. E terceiro, medidas que impiden nacementos no seo do pobo. O 28 marzo o Tribunal da ONU exixe o non bloqueo da axuda humanitaria.

Das trinta mil persoas palestinas asasinadas 70% son mulleres e crianzas. Sostén Francesca Albanese que é un xenocidio. Teñen bloqueada a entrada de alimentos e medicinas, morre moita xente por inanición. Dez crianzas diarias por fame. 

Pola súa autoridade e importancia reproduzo a tese de Judith Butler "frente a miles de asasinatos de gazatís" que "sen pudor e de maneira desenfreada" fai Israel.

Judith Butler, xudía norteamericana, doutora por Yale, filósofa, profesora da Universidade Berkeley, fundadora da Teoría Queer, está contra toda violencia.

Na estancia en París este ano  defende "non considerar a Hamás como un grupo terrorista, senón parte dun movemento de resistencia, como facción armada dun partido político que gañou as eleccións e goberna Gaza".  Di: "Os ataques de outubro son unha forma de resistencia armada contra a colonización, asedio e espolio permanente dos sionistas. É un movemento de resistencia, mais, isto non significa xustificar todo tipo de resistencia". Pero hai que reflexionar, di Butler, sobre causas e razóns da violencia, sobre a guerra e as accións xenocidas, que non son a mesma cousa. O texto remata chamando á non violencia, a crear condicións de convivencia, liberdade e igualdade dende a comprensión do que supón o xugo colonial. Hai que coñecer a historia.

Estas manifestacións causaron duros ataques e incomprensións dende o xudaísmo. Mais ela continúa na defensa irrenunciábel da paz para o pobo palestino.

Comentarios