Opinión

Moralidade e política

Co recordatorio do atentado xihadista do 11-M de 2004 retorna á realidade política o comportamento inmoral individual e colectivo do PP e, por conseguinte, politicamente antidemocrático. Defensor de intereses particulares e incluso persoais utilizando a manipulación e a mentira. Non podemos esquecer que Aznar, presidente do Goberno e os seus ministros, entre eles Rato e Zaplana, hoxe na cadea, ademais do seu aparato de poder, mentiron a toda a sociedade. Presionaron aos medios de comunicación para culpar mentindo a ETA e non aos islamistas da morte de 193 persoas e 1.800 feridos. O atentado foi unha vinganza de Al Qaeda pola intervención imperialista, interesada economicamente de EUA e os seus aliados, na destrución de Iraq no 2003. 

O 20 de marzo de 2003 invaden Iraq para acabar coas "armas de destrución masiva", armas químicas, biolóxicas, nucleares. Reino Unido, co presidente Tony Blair; EUA, con George Bush, e España, con José María Aznar, declararon a guerra "preventiva", sen permiso das Nacións Unidas e con mentiras. Nunca se atoparon armas de destrución masiva que, por exemplo, Aznar dixo que vira. Con impunidade e abusos do exército americano. Nunca houbo ningún responsábel xulgado. Al Qaeda aumentou a súa influencia. 

As mentiras e falsidades forman parte das actuacións políticas da dereita e concretamente do PP, coa perda total de lexitimidade. É un partido condenado "pola trama Gürtel" no 2007, pola súa corrupción e contabilidade B. A corrupción e a mentira sistemáticas na política teñen consecuencias moi perigosas. Conforman unha sociedade acrítica e indigna capaz de asumir inxustizas e inmoralidades do máis cruel. Unha sociedade inerme que contempla o xenocidio do pobo palestino sen obrigar a paralizar esa destrución é unha cidadanía deshumanizada. 

Como un partido, o PP, corrupto e mentireiro pode dar leccións de moralidade? Este PP é o mesmo PP de hoxe, o de Feixoo, quen nas eleccións galegas deu unha nova proba da mendicidade e da ilexitimidade dos seus métodos para triunfar. A campaña de demonización, falsidades e mentiras contra o BNG e Ana Pontón descualifican totalmente a súa política. 

Moralidade social, pública e actuación política nunca non pode ir separadas. 

Comentarios