Opinión

Sobre imposíbeis políticos

Saudamos a normalización das linguas das nacións sen Estado no Congreso. O deputado do BNG, Néstor Rego, fixo a primeira intervención íntegra en galego no Congreso. Tivo a súa estrea cun excelente discurso, axustado ao momento e á situación. A lingua galega é a representación do pobo galego. Foi creada, falada, alimentada e sostida polo pobo galego a través dos séculos e maltratada oficialmente. E continúa séndoo. O PP a través do decreto de plurilingüismo, prohibe o ensino en galego das materias científicas. Votou con Vox contra o seu uso nas institucións.

Os cambios na política veñen obrigados polas dificultades de goberno, económicas e socias. É tempo de dificultades. Admitir o plurilingüismo nas institucións estatais foi até esta lexislatura un imposíbel. As forzas nacionalistas, firmes nas reivindicacións, conquistaron este dereito. É un dereito humano.

E mais, outro imposíbel é a amnistía. Parece un problema insuperábel. Pero miremos a Constitución española. Nada di sobre isto. Mais, se acudimos, como os bos xuristas determinan, ao "espírito da Constitución" a senda está marcada. A solución a problemas políticos debe ser sempre  buscar consenso. O tempo cambia as estratexias políticas. De tal maneira que, son as forzas nacionalistas de esquerda as que obrigan a cuestionar o modelo territorial desde reivindicacións realistas, aínda que parezan utópicas para rachar coa discriminación negativa, exercida sobre as nacións chamadas periféricas. A Constitución recoñece tres nacionalidades históricas, tres nacións sen Estado. Este recoñecemento debe ser o principio que rexa as relacións co Estado, cada vez máis centralista. Falan Rueda e o PP de igualdade. Pero a desigualdade que sofre Galiza no financiamento e competencias xera unha dependencia maior que a das outras nacións. Galiza ten unha espoliación colonial.

Retomando os debates comprobamos o cinismo dos partidos españois o falar de amnistía. Non cabe a amnistía na Constitución? Daquela que foron as amnistías fiscais de Boyer 1984, de Solchaga 1991, até a de Montoro nen 2012, prohibida en 2021 polo Tribunal Constitucional. Porén, legalizaran diñeiro negro nas declaracións a Facenda.  
Avanti plurilingüismo. Conquistemos a amnistía.

Comentarios