Opinión

E se houbese "sedición constitucionalista"?

Nun extraordinario debuxo de Carreiro vese un representante do poder xudicial coa súa toga alargada en negro e numerosos pes debaixo. Título "sedición constitucionalista". Levoume a pensar no deterioro da credibilidade do poder xudicial e na ilegalidade da Constitución Española. Quen controla os controladores? As respostas son variadas segundo diferentes intereses e concepcións sobre democracia, cidadanía ou lei e poder xudicial, cada día máis deslexitimado e defraudador para as persoas. Miremos as institucións que deben garantir as leis: o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), órgano de goberno do poder xudicial. O Tribunal Supremo (TS), órgano xurisdicional competente en todos as ordes, excepto nas garantías constitucionais. O Tribunal Constitucional (TC), que debe gardar o control da legalidade e as garantías fronte ás arbitrariedades dos poderes públicos. O PP veta a renovación do CXPX, caducado hai catro anos, en contra do mandato constitucional. Que lexitimidade teñen para organizar o PX? Ningunha. Todos deberían dimitir. O TS –o seu presidente vén proposto polo CXPX– actúa politicamente. Ao TC poderiamos recorrer para exixir a legalidade. Hoxe, integrado por oito membros da carreira xudicial e tres catedráticos. Historicamente, dos once membros do Tribunal Constitucional nove presidentes eran catedráticos e dous xuíces. Dos vicepresidentes do TC seis catedráticos e cinco xuíces. Agora, presidente e vicepresidenta foron membros do TS. Perde a súa neutralidade. Por exemplo, no caso Ence, 20 anos despois da condena por delito ecolóxico continuado e seguir aí, o TS sentencia en contra por informes favorábeis da Xunta e avala a prórroga a 75 anos máis, de maneira arbitraria segundo os asesores xurídicos de Pontevedra. Se recorrésemos ao Tribunal Constitucional poderiamos caer nos mesmos xuíces que sentenciaron a prórroga porque non se cumpren as garantías necesarias para unha sentencia independente. 

É un panorama de "sedición constitucionalista", mais non hai un 155 para esta situación. O 155 só é aplicábel ás comunidades autónomas que "non cumpren as obrigacións da Constitución ou outra leis e atenten gravemente o interese xeral de España".

Comentarios