Opinión

Desembarco na Galiza

O desembarco das forzas políticas estatais na Galiza non responde ao interese real pola situación de emerxencia social que sofre. Galiza dende o xogo dos protagonismos políticos, a pesar da espoliación colonizadora e diante das eleccións autonómicas, é un test no que están en risco moitos intereses. O PP, cun candidato segundón, substituto, que só se coñecía pola manifestación con Gloria Lago a favor do español e contra do galego. Hoxe está por toda Galiza como moteiro, ciclista, simpático bebedor e bailarín. Viaxeiro ás Américas para regalar formación e traballo. Semella ser dono duns presupostos que non atenden as necesidades da nosa terra. Son expendedores de cartos que regala a "novos empresarios", familias, aos maiores e aos mozos.

Conta cos xornais (excepto Nós Diario) e CRTVG (291 Venres Negros de protesta dos traballadores polo control político). Precisan gañar as eleccións para asegurar o mando en Génova de Feixoo. A candidata de Sumar  quere deixar claro que Galiza é a súa base. Foi do PCE, Esquerda Unida, AGE, en Marea, Unidas Podemos e fundadora de Sumar. Ocupa hoxe o Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España, é vicepresidenta segunda. Estréase aquí. O PSOE, cun candidato novo e mar revolto dentro e fóra, necesita ter un resultado positivo. O BNG con Ana Pontón, esperanza de moitos e moitas galegas, é a dura oposición real ao PP. Agarda poder gobernar unha Galiza que precisa controlar os seus recursos.

É incríbel que unha terra rica con montes, agro, mar e rías; minerais e recursos enerxéticos limpos, sostíbeis e incluso con minerais raros como o coltán, non poida manter a súa xente. Xente nova, preparada. Debe buscar vida fóra da terra, como noutros tempos.
Estas eleccións poden ser as que marquen o cambio de poder na Galiza. Despois de 14 anos de dominio das institucións polo PP, sen exixir competencias a Madrid, entregando o país aos grandes capitais e ao oligopolio enerxético, explotadores dos sectores primarios.

Os que pertencemos a ese grupo alcumado "os do non" seguiremos a negarnos á explotación da nosa terra. Dicimos si a continuar a loita polo dereito a Galiza ser soberana e a controlar os seus recursos en beneficio da súa xente.

Comentarios