Opinión

Democratizar a ONU

O exterminio impune de Israel revela a incapacidade da ONU fronte ás grandes potencias. A ONU xa foi incapaz de impedir Srebrenica e a guerra sen permiso do Consello de Seguridade de Iraq. En Gaza, a pesar do compromiso do secretario xeral, António Guterres, a quen os sionistas pediron a dimisión por situar a guerra contra Palestina como "unha crise de humanidade", viólase o Dereito Internacional Humanitario. Matan o persoal da ONU, xornalistas, voluntarios e voluntarias e a poboación civil palestina. É unha limpeza étnica sen testemuñas. Fallan a ONU e a Corte Penal Internacional.

A ONU foi creada despois da II Guerra Mundial, en 1945, polos vencedores, para promover a paz, impedir o armamento nuclear, resolver o problema dos refuxiados e defender os Dereitos Humanos (occidentais), formalizados na Declaración dos Dereitos Humanos de 1948.

A súa función é ser árbitro para promover o progreso social. 75 anos despois da súa aprobación, a súa función está cuestionada. Creada por 51 países, hoxe 193, cinco deles –EEUU, Gran Bretaña, Francia, Rusia e a República Popular da China–, teñen dereito de veto no Consello de Seguridade, que decide sobre a paz e seguridade internacional e conta con 15 membros. O veto de EEUU, neste caso, impide a actuación resolutiva da ONU. Isto sucedeu na convocatoria que Guterres fixo a semana pasada para declarar "un alto ao fogo". Foi a ONU, despois do Holocausto nazi, a que aprobou a histórica exixencia sionista de crear un Estado de Israel en Palestina. En 1947 a Asemblea Xeral da ONU aproba un Plan de Partición de Palestina. A resolución 181 propón dous Estados: un árabe e outro xudeu. En 1948 fúndase Israel e comeza a guerra árabe-israelí. E a ocupación al-Nakba (catástrofe). Entre 700 e 900 palestinos e palestinas son expulsados de Palestina.

As circunstancias cambian. Os causantes do holocausto nazi defenden o sionismo. Le Pen, Meloni... Abascal vai abrazar a Netanyahu. Maniféstanse contra os antisemitas.
Hai que democratizar a ONU e garantir o Dereito Internacional Humanitario. Integrar países de África e de Asia. Eliminar o poder de veto dos cinco países para ser recoñecida a autoridade pacificadora.

A Corte Penal Internacional acordou investigar o que sucede entre Israel e Gaza.

Mais non actúa.

Comentarios