Opinión

Defendamos a memoria histórica e democrática

A memoria individual é imprescindíbel para o desenvolvemento progresivo dos individuos. A memoria colectiva conforma as sociedades nun sentido progresivo ou involucionista, como no caso do franquismo. Nós, defendemos a memoria democrática que constrúe dende o coñecemento de individuos e colectivos sociais unha vida máis xusta nas nacións do Estado español. Nada hai mais perigoso e inxusto que o silencio, que o esquecemento, que a invisibilidade dunha cruel realidade negada. Negar a existencia mediante a exclusión, a criminalización ou invisibilidade dos miles de represaliados e represaliadas do fascismo e contribuír ao esquecemento da historia democrática dunha sociedade. Moi importante é non esquecer. Estamos obrigados ao recoñecemento dos nosos heroes e nosas heroínas, moitos innominados das cunetas. De aqueles e aquelas que co sacrificio da súa vida contribuíron a levantar as sociedades nas que hoxe vivimos.

1975 foi un ano para non esquecer. O 20 de novembro morre Franco e deixa un regueiro de mortos pola democracia. Os últimos, Daniel e Amador, obreiros de Ferrol tiroteados pola policía nunha manifestación do 1972, ano da folga xeral de Vigo. No 1974 morre Puig Antich condenado a garrote vil en Barcelona. No 1975, cinco fusilados en Hoyo de Manzanares, Humberto Baena, Sánchez Bravo e García Sánchez; Paredes Manot (Txiki) en Barcelona; Ángel Otaegui en Burgos. O 12 de agosto de 1975 asasinan en Ferrol a Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras. Recibe tres disparos ás súas costas e morre desangrado no portal do número 27 da rúa Primo de Ribera. Tiña 25 anos, militante nacionalista de esquerdas, militante da Unión do Povo Galego (UPG).

Historicamente, para Galiza agosto foi un mes sanguento no que honramos a memoria de Díaz Valiño, Aguirre, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda e compañeiros e compañeiras. Tomando as palabras de Castelao en Alba de Gloria "son seres innominados […] que xuntos compoñen o substractum insubornábel da nosa Patria". Honrar Alexandre Bóveda é honrar a todas e todos os galegos asasinados. Conmemorámolo o 17 de agosto como Día da Galiza mártir.

Como patriotas galegos defendamos a memoria democrática das nosas e os nosos mártires porque son a semente da Nosa Terra.

Comentarios