Opinión

A contradición principal segue a ser o soberanismo-españolismo

A realidade é teimuda. A situación política actual revela a imperiosa necesidade de recoñecemento da diversidade nacional do Estado español e da súa representación política nas institucións. A diversidade manifestase nas situacións chamadas complexas, que non serían tal se fosen recoñecidas as "nacións periféricas". Urxe aceptar a exixencia de acordos en pé de igualdade. Acordos dende a igualdade, non concesións autonomistas máis alá do caso da Galiza, na que faltou afondar nas posibilidades que o Estatuto puidese ter, como se fixo noutros casos. O gran problema é a non aceptación da existencia da diversidade plurinacional e das súas consecuencias políticas na organización que demanda. Dende o recoñecemento da soberanía das nacións periféricas só pode considerarse unha España federal ou confederal, sen concesións paternalistas e falsamente igualitarias dos estatutos de autonomía. A Constitución española é un corpiño trasnoitado ao que acoden as forzas españolistas. Non hai "Estado ou goberno frankenstein" senón que hai resultado dunha realidade que en cada elección se mostra máis explícita. A exixencia dunha reconfiguración estrutural do Estado. É a diversidade que a pesar de xogar coas regras de representación territorial proporcional postas pola transición do 78 móstranse cada vez máis insuficientes. Problemas para a constitución da mesa, para as maiorías parlamentarias…

No caso de Galiza a situación é peor. O Estatuto carece de competencias e delimitacións definidas polo goberno galego en moitos ámbitos nos que podería beneficiar a cidadanía galega se tivesen asumido a súa defensa. O conformismo dos gobernos do PP, a submisión e dependencia do goberno central impediu sempre o mínimo avance aínda das cativas posibilidades do Estatuto de autonomía galega. Un exemplo de hoxe, María do Carme García-Negro afirma: "Galiza produce electricidade para o seu consumo, para a industria e para exportar […] Agora estamos nunha nova fase, rematada a época da hidroeléctrica, das térmicas, queda afondar na eólica".

Son chegados os tempos dun novo "Nunca Mais". De saír a rúa en defensa da nosa terra e o noso mar.

E coidado cos cantos das sereas!

Comentarios