Opinión

Avanti Adega

Lembremos: falar de Adega é falar de ecoloxismo galego anticolonial. É falar de nacionalismo anticolonial. Ligada en Pontevedra, desde o seu nacemento, en 1975-76, a loita por unha industrialización racional, non destrutiva. A primeira presidenta en Pontevedra foi Adela Figueroa Panisse, secretaria Mar Santiago Pesqueira, as dúas biólogas. O primeiro que fixemos como BN-PG na corporación democrática de 1979 foi a reclamación popular contra a construción do emisario submarino, acompañada de miles de firmas das xentes de Placeres e Lourizán. Este invisibilizaría as verteduras contaminantes de Elnosa e Celulosas contendo mercurio, estenderían o problema na ría de Pontevedra máis alá da illa de Tambo. O escrito feito por Xosé Luis Fontenla, persoa imprescindíbel na creación, extensión e desenvolvemento de Adega, era un manifesto contra o complexo franquista de celulosas en Pontevedra. A oposición ás industrias de enclave, explotadoras da nosa riqueza, por capital de fóra ,empobrecedoras da nosa terra, foi sempre a loita da AN-PG e UPG. Acompañados entón por Adega. 

A asociación, legalizada en 1976, tivo unha primeira directiva presidida por Domingo Quiroga, acompañado por Francisco Bermejo e Xosé Bar Boo. Logo será presidente Xosé Luis Fontenla. Nos 80, Ramón Varela, Modesto Solla e Carlos Vales. Centra a súa actividade contra a instalación de novas celulosas en Padrón, Ponteceso, O Barco, Negreira, Muxía, Mondoñedo nos 70 e posteriormente en Narón e nas Pontes. Vai contra a central nuclear en Xove, contra a fábrica de alumina-aluminio e contra os incendios forestais. A favor da planificación racional forestal, da defensa dos ríos e non de encoros no Ulla, no Sela, Navia ou Eume. Con diversas ILP conseguen a conservación das Fragas do Eume e de Baldaio. 

Hoxe, a loita anticolonial ten un obxectivo central que Adega debe liderar. A reivindicación dunha planificación enerxética da que Galiza poida beneficiarse sen destruír a riqueza natural dos montes e do mar. O conflito das eólicas é hoxe a máis importante das nosas loitas. Apoiemos as denuncias, perante a xustiza, das actuación ameazantes da Xunta e do Goberno español. Apoiemos a campaña de recadación solidaria, de micromecenado, para ir contra o espolio da nosa terra.

Comentarios