Opinión

Aterrador

N on podemos esquecer os palestinos. As novas son aterradoras. Sen hospitais “morren todos os pacientes da UCI do Hospital Al Shifa en Gaza” (OMS). “Posibilidade inmediata de morrer de fame” (ONU). Sen escolas, sen casa, sen campos de refuxiados. Todo é destrución e pasividade, incluso apoios explícitos dos EEUU e da UE aos sionistas de Israel. A destrución e matanza de inocentes non parece propio destes tempos. Semella unha maldición bíblica. Desterrados, enviados ao deserto, sen auga, sen alimentos, sen combustíbeis. Só acompañados polos heroes e heroínas anónimos: médicos e médicas, enfermeiros e enfermeiras, voluntariado, xornalistas, xentes solidarias. Todos xogándose a vida.

Un pobo inerme fronte a un xigante con armas atómicas disposto a matar sen piedade. A exterminar un pobo. As instancias internacionais carecen de autoridade e forza para deter este holocausto. Que esperanza ten este pobo? Hai que exixir o xulgamento destes asasinos. Exixir que tribunais internacionais xulguen este xenocidio e que os cualifiquen como xenocidas. Que a historia homologue nazis e sionistas.

Os nacionalistas temos fama de vitivismo. Na Galiza. Como non imos sentir o roubo que sufrimos? A declaración de Rueda de “interese público superior para planificación, construción e explotación dos parques eólicos” é a chave que blinda a Xunta xuridicamente, fronte ao TXSG, para manipular legalmente as peticións das multinacionais explotadoras das eólicas. É a entrega ao capital privado. Hai 260 Concellos galegos, o 83,1% con centrais renovábeis e 125 con eólicos. PP e PSOE van quintuplicar a potencia eólica terrestre e mariña, duplicando a capacidade prevista para todo o Estado polo Ministerio de Transición Ecolóxica (X. Ferreiro, Nós Diario). É alarmante para Galiza. Extraer, espoliar a súa riqueza sen beneficio. É colonización. Estanse a crear “chiringuitos legais” desde a Mesa para o Desenvolvemento Renovábel e Industrial da Galiza, da patronal eólica, consagrados na empresa público-privada Recursos de Galicia con 34 socios, entre eles Abanca, Ence, Copasa… Aterrador. O BNG sempre estivo cos pobos que loitan pola súa liberación contra os imperialismos. De aí a nosa irmandade cos saharauís e palestinos. 

Comentarios