Opinión

Unha cama elevadora

Tras o cambio de Goberno balear ao PP, as kellys (camareiras de piso), maioritariamente mulleres, denunciaron que pode perigar a obriga de incorporar camas elevadoras nas habitacións de hoteis, tal como aprobou o anterior Govern na Lei de Turismo das illas.

Unha cama elevadora semella pouco como para, por exemplo, investir un presidente do Goberno, pero son do tipo de medidas que se conseguen con loita obreira mais que son difíciles con executivos da dereita. Non é a revolución, mais é de xustiza: obrigar a hoteleiros a dispor dunha ferramenta de traballo que non condene ás traballadoras a ir dopadas de analxésicos polo efecto de levantar repetidamente numerosos colchóns cada día.

Semella cousa menor, pero está no centro da política a nivel mundial, pois por toda a parte se anda en equilibrios entre colocar auténticos fascistas turbocapitalistas nos gobernos ou optar por representantes que poidan considerarse demócratas. Italia foi un mazazo coa vitoria dunha herdeira de Mussolinni, pero o Estado español torceu os plans dun goberno PP-VOX que se daba por seguro; en Polonia perdeu a dereita antiliberal e en Arxentina –á espera da segunda volta– a mobilización electoral case coloca o peronismo na Presidencia de novo en primeira votación.

Falta por ver Francia, onde Le Pen encabeza as enquisas, ou Alemaña, que semella tomar un xiro antiinmigración, pero o caso é que existe a resistencia ante a destrución total, a defensa contra a exacerbación do individualismo que se pretendía señoreando nos gobernos. O aumento do movemento ecoloxista e o avance das súas propostas tamén van nese sentido. Por iso, os desesperos da esquerda partidaria cando a xente "vota o mal menor" corríxense ofrecendo alternativas sólidas e ilusión por un futuro mellor, non criticando ás persoas que acoden ás urnas pensando en non perder o pouco acadado ante o avance da barbarie.

Porque unha cama elevadora pode ser o que separa ter enfermidades musculoesqueléticas toda a vida da dignidade.

Comentarios