Opinión

Si, hai partido

Convocadas as eleccións ao Parlamento da Galiza, en quen queremos pór fin a case tres lustros de gobernos ultraliberais, non cabe máis tarefa que empurrar polo cambio. E a primeira condición é acreditar en que é posible.

As enquisas confirman unha baixada do PP, mantendo a maioría, e a posible entrada de DO por Ourense. Na esquerda, semella consolidado o pulo do BNG, namentres que PSOE, de momento, está estancado e Sumar ao borde da representación. Así as cousas, hai varias chaves destes comicios para provocar unha derrota conservadora. O primeiro, a necesidade dun aumento de participación que active as persoas progresistas que votan esquerda nas Xerais, fundamentalmente na costa atlántica. A seguir, o efecto que teña a (por primeira vez dende 2005) implicación do PSOE e Moncloa nas eleccións galegas e posible activación de votantes de centro esquerda aos que non chegue o BNG – importante en Lugo e, sobre todo, Ourense -; o mesmo que o papel que poida xogar Sumar como activador deste voto. Tamén a capacidade aglutinante do BNG como referencia na esquerda.

Dende 2012, a xente galega de esquerda vota a opción que pode representar mellor a alternativa á dereita, e vota diferente segundo o tipo de convocatoria. Deste xeito, gaña quen entende que o electorado potencial non son “os seus”, senón esa ampla maioría social progresista. De feito, se o BNG está en disposición de liderar o bloque esquerdo nas Autonómicas pese ao parco resultado das Xerais é porque na convocatoria de xullo preferiu un discurso identitario fronte ao discurso da alternativa que quere representar Ana Pontón.

Agora só cabe turrar e vogar cada quen a prol da derrota do PP, fixándose no adversario e non na crítica ao colega.
En resumo, menos barullo e reproches intraesquerda e máis fotos coma a do acordo de aprobación dos orzamentos de Santiago, representación de que se quere un goberno de cambio, liderado polo nacionalismo e en liña coa maioría plurinacional do Congreso e co goberno progresista.

Comentarios