Opinión

Putohíperventilar por España

Pasou unha semana dende que grupos variopintos integrados por nazis, franquistas de pata negra ou rapazada de barrio pijo comezaran a liturxia de concentrarse ante a sede do PSOE en Madrid a conta da amnistía pactada co independentismo catalán.

As algaradas tiveron o efecto de amosar cruamente cal é a base social que o PP, tanto coma Vox, está disposto a alentar para soster o falso relato que tacha ao futuro executivo de Sánchez como ilexítimo e, mesmo, ilegal. Porque o asunto non vai de amnistía –os contactos efectivos que o PP fixo coa contorna de Junts amosan que, de ter oportunidade, pactaría co independentismo para gobernar– , vai, fundamentalmente, dunha dereita española de matriz golpista que non acepta o resultado das urnas cando non sae o que contan ou o que pensan que é o destino da Patria: ser conducida polos de sempre.

Ao compás das mobilizacións inequivocamente facciosas hai quen se manifesta sincera e lexitimamente –isto non é "unha ditadura"–, mais tamén existe unha consciente e organizada reacción de instancias mediáticas, xudiciais e corporativas para evitar un novo goberno progresista apoiado por nacionalismos.

Pero estamos xa na investidura e Sánchez –previsiblemente– sairá elixido presidente por 179 votos fronte a 171, e, pese ás complexidades da lexislatura, o Congreso seguirá lexislando e aprobando orzamentos, porque a realidade teimuda sinala que o Executivo español é dos máis estables de Europa e que organismos internacionais –nada sospeitosos de esquerdismo– prefiren un executivo do PSOE que un PP trumpista.

Hai moita xente tremendamente preocupada pola deriva neofascista –simple actualización– da dereita española, e non é para menos, mais a memoria lévame a cando as rúas clamaban pola destrución da "familia" e contra o Goberno Zapatero, a quen acusaban –case nada– que de estar detrás dos atentados xihadistas de marzo de 2004, e penso que, coma daquela, a maioría demócrata e plurinacional sairemos adiante.

Comentarios