Opinión

Mortes de fronteira

Vivimos un tempo onde contemplamos case en directo os vídeos da irrupción de Hamás nun festival de música electrónica a poucos quilómetros da fronteira gazatí; centos de familias souberon así da morte ou secuestro dos seus. "Un festival xunto a unha cárcere a ceo aberto?" –sorpréndenos–. Mais esa é a constante no mundo noso: non sermos conscientes de vivir (tamén os pobos de Europa) en Estados fortaleza que separan as mortes que importan das que non.

A empatía debe facernos doernos do destino das mozas do festival tanto coma da sorte das case 2.800 persoas asasinadas por Israel, mais uns civís contan máis ca outros para gran parte da "comunidade" internacional. Tamén case en directo despedimos a quen morre en Gaza baixo as bombas, que nin respectan os colexios ou as contornas de hospitais.

A franxa é un caso extremo onde 2,26 millóns de habitantes están pechados, mais ese convivir coa deshumanización dos "outros" vivímolo a diario cando arriban persoas de África ás costas canarias ou nas "fronteiras sociais" do interior, cando nos xornais ou en conversas cotiás importa máis criminalizar a "okupación" ca catro vidas segadas nun edificio de Vigo por viviren en condicións deplorables sen vivenda digna.

Como no tempo que máis verazmente podemos coñecer as atrocidades do mundo –pese á desinformación –naufraga a nosa empatía? Estes días soubemos que entre as persoas moderadoras de contido en redes sociais prolifera a depresión ante a cantidade de desgrazas que deben visionar. Un destes traballadores contaba que sinte que deshumanizou ás persoas dos vídeos.

É a repetición de imaxes de brutalidade o principal factor para que nos acostumemos a elas ou éo a súa conversión en mercadoría o que fai perder a empatía? Cando todo é "monetizable", a dor banalízase, coma nas visitas guiadas que ofrecía a axencia Abraham Tours para coñecer a fronteira da franxa: Gaza Border Reality Tour from Jerusalem, por 102 €, os luns e os mércores. Aconséllase gorro e crema solar. 

Comentarios