mércores 14/04/21

Lumes de primavera

Levamos menos de dúas semanas de primavera e, un ano máis, consolídase este tempo como de risco alto de incendios, con medio milleiro de hectáreas xa ardidas no país.

Aquí no interior tivemos o meirande foco, no Courel, con máis de 250 hectáreas queimadas e unha mostra da política forestal da Xunta: máis unha vez, poucos medios e descoordinación.

Denunciou Caurel Vivo que “durante a noite” había oito brigadistas e un palista e que houbo logo “descontrol entre medios aéreos e terrestres, xa que as descargas facíanse sobre os contra lumes que os brigadistas facían para tentar cerrarlle o perímetro ao lume, en vez de no fronte”. A isto súmase que nesta zona substituíran postos de vixilancia con persoas polas famosas cámaras de videovixilancia contra incendios, criticadas polos bombeiros profesionais, que reclaman, ano tras ano, persoal estable nos puntos de vixilancia.

Non foi o único caso o do Courel, pois tamén un lume declarado entre Monforte e Sober avanzou rapidamente pese a estar preto de dúas bases contraincendios, unha das cales quedou inutilizada por un rebentón de roda nun avión na pista, a de Doade, situación que non pasa por primeira vez. Sen falar de que a descoordinación foi tal que persoas locais tiveron que informar a parte do dispositivo.

E no Macizo Central reportou o inicio de tempada de lumes o Davide de Manzaneda dende Requeixo, unha parroquia de Chandrexa.

Así estamos no interior galego, padecendo de cheo as consecuencias da crise climática e das políticas ecocidas do Goberno. Esta Semana Santa as comarcas do Courel ou de Lemos enchéronse de visitantes do resto da Galiza que viñestes admirar as nosas paraxes; de feito, a pasada fin de semana a pista do miradoiro do Duque, rodeada de monte calcinado, semellaba unha circunvalación urbana, polo volume de tráfico rodado. Así, xentes de toda parte, pedímosvos que miredes máis aló da paisaxe enmarcada para o Instagram e denunciedes connosco o abandono ao que nos someten todas as Administracións.

comentarios