Opinión

Inicio de curso

Deixar preparada a vestimenta do día seguinte. Ter listos os aperitivos de media mañá. Erguer máis cedo ca no verán. As rutinas do inicio de curso (escolar) volven organizar as vidas de moitos fogares galegos, mais este setembro foi todo menos apracible na posta en marcha do ano académico. 

Comezando polo altísimo prezo dos libros de texto, pois, aínda que existe o vale da Xunta, non alcanza á media do seu custo. Mesmo nos cursos que reciben libros do “fondo solidario” hai que adquirir cadernos e libros, porque non se concede o cen por cen de préstamo. Eu véndoos pero, con sinceridade, prefería facelo á Administración e que esta os fornecera gratuitamente ao alumnado; mesmo que non se dependera tanto do concepto de libro-de-texto. Se o Ensino é un dereito, non pode afogar as economías familiares de tantas persoas de medios e baixos ingresos. 

Mesmo para as librarías existen problemas, pois a axuda da Xunta para mercar libros por parte dos centros é moi baixa (na campaña pasada, mesmo inferior ao prezo de custo en determinados libros), o libro de texto non ten un prezo fixado, co cal as grandes superficies comerciais poden especular e o sistema de vales cos que as persoas aboan os libros ás librarías esixe un certo tempo no que estas agardan para cobrar.

Por se non chegara coa elevación xeral dos prezos a inicio de curso, setembro foi caótico no transporte escolar, dominado pola voracidade do negocio de grandes concesionarias. Atrasos sistemáticos, falta de coñecemento das rutas ou vehículos inferiores ao número de prazas necesarias deixaron estampas propias dos anos oitenta. Por non falar do recorte que sofren os centros do rural, cunha rateo de alumnado por aula igual á das zonas urbanas que provoca vaivén do número de profesorado e falta de continuidade do mesmo no centro.

O inicio do curso (escolar) coincide co inicio dun curso político marcado polas Galegas de 2024, unha oportunidade para que o vindeiro ano académico sexa o da calidade do ensino público. 

Comentarios