Opinión

Colgar dos pés

"Haberá un momento en que o pobo queira colgar dos pés a Pedro Sánchez". Declarou o voceiro de Vox a un medio de comunicación da Arxentina, onde acudira para a toma de posesión do ultraliberal Milei como presidente.

"Colgar dos pés", unha afirmación nada banal, proferida por un dos herdeiros políticos de Mussolini, o cadáver do cal rematou deste xeito logo de ser executado tras intentar fuxir a Suíza.

Non só vivimos na era do descaro, no que verdadeiros reaccionarios se presentan ante o mundo como unha Internacional revolucionaria contra a "ditadura woke" e da esquerda; vivimos na era da deshumanización na que se premian as bravatas verbais, pura escenografía dunha posición política que só é unha nova volta de porca da submisión ás regras do Capital. Débiles cos poderosos, fortes coas desposuídas.

Mentres avanzan elementos progresistas como a intervención estatal na economía, os movementos sindicais nos Estados Unidos ou a conciencia sobre a crise ambiental na mocidade global, xorden os movementos ultrareaccionarios disfrazados de rebeldía.

Teñen en común a suposta implacabilidade contra as condutas morais que consideran desviadas, sexa corrupción económica ou o movemento LGBTI; na verdade, son dos políticos máis corruptos do mundo. Comparten a deshumanización do adversario –que chega ao xenocidio no caso de Israel– e a petición de "man dura", dende O Salvador, Filipinas até os seguidores de Milei berrando "más Policía" na toma de posesión, pero a aplicación da lei é segundo para quen. Claman contra os "ditadores" lexitimamente escollidos nas urnas pero alentan golpes de Estado e lawfare en Guatemala ou Brasil ou bloquean a renovación do CXPX español. É a deshumanización de quen representa calquera forma de pobo organizado e contrario ás elites de sempre. É a barbarie cotián de quen clama pola pena de morte ou por traballos forzados para inmigrantes ou persoas presas. Son os signos do fascismo que debemos combater de cara: dígao Abascal ou o noso veciño. 

Comentarios