Opinión

Carambo nas árbores

Nos primeiros noventa do século pasado, os avós evocaban os míticos carambos de xeo que se formaban nas árbores no duro inverno do Val de Lemos; figuras fantasmagóricas que crebaban do peso ante a persistencia da xeada por varios días.

Hoxe, evoco eu os invernos da infancia fronte aos actuais, visiblemente menos rigorosos, evidenciando como en poucas xeracións o que críamos inmutable e característico dun clima e de todo un xeito de vida –as míticas xeadas inmisericordes das terras interiores da depresión do Cabe– esvaece no ar.

O cambio climático interpélanos mesmo a quen vivimos a carón de grandes infraestruturas hidroeléctricas que consideramos –con razón– que non reverteron o suficiente os beneficios nas comunidades lindeiras; o aumento imparable da temperatura media terrestre arrasa e impele a actuar sen demora, ameazando con seca, inseguridade alimentaria e epidemias.

En lugar de observar o noso lugar no mundo como parte da solución á catástrofe, os territorios ribeiraos a carón do Sil e do Miño prepáranse para ser refuxio de turismo climático, un oasis –por canto tempo?– de temperaturas soportábeis e paisaxe falsamente vendida como "salvaxe". Non é malo desenvolver as potencialidades turísticas, pero faise sen preocupación pola calidade e como case única alternativa económica, sumindo na vulnerabilidade unhas poboacións con niveis récord en vivendas de uso turístico (600 inmobles deste tipo na Ribeira Sacra) e sen casas en alugueiro.

Ao tempo, chega o frío inverno ao sur lugués –coa primeira xeada neste Nadal de 2023– coas enfermidades infecciosas respiratorias en esplendor e listas de agarda de máis dun mes para simples analíticas no Hospital de Monforte e en Atención Primaria, converténdonos nun espazo distópico que procura ser Patrimonio da Humanidade co clima e a atención sanitaria en colapso, como colapsa o idioma e a cultura que miraba o xeo persistente e dicía carambelo ao que hoxe é "el río Cabe congelado" das postais turísticas.

Comentarios