Opinión

Camiñando ás Galegas

A fin do ano 2023 arrecende a precampaña sen disimulo. Dende hai semanas, a xa omnipresencia de Rueda na TVG tornou publireportaxe continua, perfomance de axudante nunha "pedida de man" incluída.

De fondo, anuncios de novos bonos (coma o de adquisición de material deportivo para deportistas de Federacións) que, se son da Xunta, o PP vende; se son do Goberno central, o PP acusa de electoralistas.

A carreira electoral estourou por todo o alto na Galiza, dende a proclamación de Ana Pontón como candidata en Santiago á convención do PSdG coa presenza de Sánchez ou a presentación da coordinadora de Sumar que, de momento, non ten candidata definida.

Á par, o partido de Jácome confirma a súa presenza nas eleccións galegas namentres Rueda afirma que "quen se presenta é el", e non Feijóo.

O caldo preelectoral pode levar a un escenario de presenza de cinco forzas políticas no Hórreo ou de mantemento das tres actuais, por poucos votos. É tan escasa a marxe pola que se xoga un cambio na Xunta que o escenario vai ser de apelación ao "voto útil" (o PP xa lle pediu a Vox que non se presentara) e de confrontación, en chave estatal, Feijóo-Sánchez.

Neste contexto, hai quen xa apelou (como Interior Galego Vivo) a concentracións electorais en Lugo e Ourense para non perder os escanos decisivos que van marcar a caída ou mantemento da maioría absoluta do PP; algunhas voces do PSdG tamén remarcaron esta idea lanzando a posibilidade de unión nestas provincias con Sumar, cuestión rexeitada por esta forza política.

Queda pouco para ir despexando incógnitas e tendencias, mais as enquisas xa reafirmaron o decisiva que vai ser a provincia de Ourense, onde Democracia Ourensana pode ter escano.

Veremos a Xunta pender da decisión de Jácome? Darase o feito histórico de termos Presidenta muller, feminista e nacionalista? Será sorpresa un PSOE con Besteiro e, por primeira vez en moito tempo, apoio e implicación do aparato estatal?

Nun complexo escenario internacional, imos camiñando ás 'Galegas'.

 

Comentarios