Opinión

Caixa de lata

O meu compañeiro garda unha caixa de lata con chaves de practicamente todas as casas do lugar. Confiáronllelas as herdeiras das diferentes moradas que foron pechando, unhas xa canda a emigración dos setenta e outras co paso dos anos e as xeracións que xa non veñen "á aldea". Outrora, Francos era un dos meirandes núcleos habitados do concello; hoxe, coma case todos, é un sitio que se vai mantendo pero que só ten certo pulo no verán e datas feriadas. As aldeas sono porque teñen xente; cando marcha, pouco importan os magníficos exemplos de arquitectura popular, se non queda a vida. Por iso, sempre preferín aldeas cunha que outra portaleira para as ovellas feita con somieres vellos ca un lugar de postal abandonado. 

Quedamos casas habitadas e algunha reviviu coa pandemia, pero a media de idade é elevada e non hai case preguiza para facer as festas de antano. Mudou a economía, pois malia sermos "aldea modelo" de interese agrario xa non queda quen se dedique a iso profesionalmente –patacas aínda se botan e horta aínda se pon– e hoxe a economía susténtase case que totalmente nas pensións e en quen acode doutros lugares atendendo necesidades; ben mulleres traballadoras no fogar, ben Jorge, albanel, que veu de Romanía e xa é un veciño máis, quen rehabilitou varios cachopos de Francos, incluíndo a antiga palleira usada para as verbenas improvisadas.

Xa non se toman tóspiros na adega da Cortesa, que facía de cantina a prezos populares e xuntaba faladoiro nas tardiñas de verán, mais agora teño nela unha libraría que funciona vía internet. 

Non quere dicir que antes fose mellor –xa o di a Julia, unha das veciñas máis vellas: pobo pequeno, inferno grande!– porén, agora, o maior volume de historias témolo en papel de celulosa e hai medio século aínda se borboriñaban nas cociñas.

Seguro que hai un punto de equilibrio entre os avances económicos e sociais e a recuperación demográfica do interior galego onde a memoria non quede nas caixas de lata.

Comentarios