venres 24/09/21

As batallas simbólicas

Mrs America é unha serie de TV que narra o proceso de ratificación da Emenda de Igualdade de Dereitos (ERA) nos Estados Unidos dos 70. Cun elenco excepcional, preséntanos as líderes do movemento de liberación feminino así como a activista conservadora anti-ERA, Phyllis Schlafly, que armou unha potente campaña que freou a ratificación da emenda en varios estados, aínda hoxe non incluída na Constitución.

Do guión é interesante o desenvolvemento dos debates e contradicións no seo da National Organization for Women. Así, vemos as diverxencias xeracionais entre Betty Friedam –autora de A mística da feminidade– e Gloria Steinem ou a toma de conciencia das mulleres negras do movemento sobre a necesidade dun feminismo interseccional. 

Nun dos capítulos reflexionan as activistas sobre a cuestión das vitorias simbólicas, a conta de Shirley Chisholm, que lanzou precandidatura presidencial no Partido Demócrata en 1972, sendo negra e muller. Algunhas inclinábanse a que non o intentara e aceptara un posto co candidato mellor posicionado para derrotar a Nixon. Ela, primeira muller negra en acadar un escano na Cámara de representantes, dicía que "se non che dan un sitio na mesa, trae o teu propio asento".

Que facer coas vitorias simbólicas é un debate no seo do activismo: son utilizadas polo Poder para desactivar as reivindicacións ou teñen efectos positivos nos movementos? Depende como se xestionen. A de Chisholm foi inspiradora e fixo posible o imposible: “Lanceime porque a maioría da xente pensaba que o país non estaba listo para un candidato negro nin preparado para unha muller candidata. Algún día. 1972 foi o momento en que ese algún día chegara”. Angela Davis, quen na época tamén enfronta a contradición do machismo nas organizacións antirracistas, tamén o pensaba así de Charlene Mitchell, candidata negra do Partido Comunista á presidencia.

É que hai batallas simbólicas que son máis ca iso: Davis foi acusada falsamente de asasinato, Chisholm ameazada de morte. 

comentarios