Opinión

Aurora Pereira Carballo

Agora, Aurichu, os buscadores da rede dan conta dun punto final na túa vida. 2023, din, coma se algo de ti rematara nese mes de novembro, alleos á realidade material de que continúas aquí, nos impulsos eléctricos dos nosos pensamentos ou na química emocional que provoca o teu recordo, Aurichu. Que han saber os directivos de Google ou os verificadores da Wikipedia!

Había tempo que non falabamos, pero a Maite tiña medio argallada unha visita vosa a carón do Sil –quizais na primavera, pensaba–. E tería que ser coma sempre: con amizade, xantar e palabras.

Canto se aprende falando contigo, Aurichu! Porque atesouras Memoria en maiúsculas da nosa Historia, parte dela como compañeira da traxectoria política do Xose, complemento e apoio inquebrantable, ti. Lembro as coñas que faciamos sacando fotos contigo en 2016; unha burla simpática que agochaba o orgullo que che producía ver como a rapazada continúa querendo retratarse "co Beiras". Logo diso pedíronnos un día a varias deputadas que escollésemos un cadro do Parlamento, e, claro, tiña que ser O paxaro de fogo, con esa paleta e trazo similar ao do teu Courel imaxinario, que berra liberdade; unha xanela no Hórreo que remite aos anceios e ás razóns de estar aló dentro.

Non puiden estar contigo na túa homenaxe no Museo do Pobo Galego, Aurichu, ben pertiño do Panteón de Galegos (e Galegas) Ilustres. Ben merecida, Aurichu, Galega Ilustre e ilustrada, como es, desa Ilustración galega ao servizo do pobo que ti e o Xose cultivades e practicades. Unha Ilustración que entende que precisamos institucións nacionais, tamén na Cultura, e que ve a beleza e importancia das antigas e desgastadas pezas da olaría de Gundivós.

Si vin os vídeos e as túas fotos: guapa a rabiar, coma sempre, Aurichu! 

Sei que coñeciches profundas dores na vida, pero que tes un tesón e forza que te arrastra sempre Máis Alá, na Vangarda con maiúsculas, Aurichu, tamén nesta Eternidade que che debemos o pobo galego.

Comentarios